O PP ABSTENSE
O Concello de Cerdedo-Cotobade aproba unha moción do BNG para acometer un plan de melloras urxentes no Lugar de Vilanova, Tenorio
O Pleno de Cerdedo-Cotobade vén de aprobar, coa abstención do PP, unha iniciativa do BNG na que se demandaba un plan de melloras urxentes a acometer no lugar de Vilanoba, na parroquia de Tenorio.
Logo dunha reunión con veciños e veciñas do lugar o BNG constatou as múltiples e importantes deficiencias que a veciñanza viña denunciando: falta de limpeza nas canalizacións de pluviais, solagamento da marquesiña escolar en días de chuvia, falta de saneamento en múltiples zonas, ausencia total de fibra óptica, entre outras.
Está claro que Vilanova, en palabras de Ernesto Filgueira, “precisa unha actuación integral, moito máis alá de dar solucións aos problemas citados, por iso instamos ao goberno municipal a crear un nucleo de centralidade na contorna da Casa do Pobo, coa creación dunha praza empedrada, ordeada e co tráfico calmado, para que a veciñanza conte cun espazo de identidade propia que permita desenvolver a vida social, cultural e de lecer”.
A moción aprobada contempla a creación dun nucleo de centralidade, mellorar os accesos e os servizos de recollida de pluviais, saneamento e iluminación pública, así como extender a fibra óptica a todo o lugar
Alén da creación deste espazo de centralidade, o portavoz nacionalista incide na importancia de mellorar as vías de acceso ao propio nucleo, mellorando ademais o saneamento, a iluminación e a rede de pluviais.
Por último o portavoz do BNG instou ao goberno municipal a realizar as xestións precisas para que a fibra óptica chegue a toda Vilanova, e a traballar na política de residuos, mellorando a recollida selectiva, creando illas para os colectores, e distribuindo composteiros individuais ás vivendas do lugar.