Ampliación da dotación de solo empresarial, mellora ambiental e produtiva das rías, mellora da sanidade pública e da rede viaria, liñas básicas do traballo do BNG no Parlamento galego
Pontevedra, 5 de abril de 2024. O deputado responsábel das comarcas de Pontevedra e Caldas, Luís Bará, compareceu hoxe para dar conta das principais liñas de traballo que vai levar a cabo o BNG no Parlamento galego. “Un BNG reforzado, con gañas, con forza e con ilusión” que combinará unha oposición firme, contundente e esixente no seu labor de control e fiscalización do goberno” cunha actitude positiva e propositiva. “A cada critica presentaremos unha alternativa”, afirmou o deputado nacionalista.
Bará, trazou as catro grandes liñas de traballo que teñen que ver coa comarca que resumíu en:
1) Ampliación do solo empresarial. Neste sentido o BNG fará especial fincapé na ampliación do parque empresarial do Campiño (practicamente completo nestes momentos) e no impulso do polígono empresarial de Fraga Moreira, en Poio, considerado prioritario en 2014 e que o PP mantén a día hoxe parado. “Tratase de 800.000 m2 fundamentais para a instalación de empresas e industrias e, polo tanto, par a xeración de postos de traballo”. Bará considera fundamental esta ampliación de solo empresarial para rachar coa situación de estrangulamento da oferta de solo empresarial que existe na actualidade.
2) A segunda das liñas de traballo ten que ver coa mellora ambiental e produtiva das rías de Pontevedra e Vigo, mellorando a calidade das augas e rexenerando as rías para poder facer fronte á actual crise do marisqueo.
Bará fixo fincapé en dous aspectos centrais, a mellora da rede de saneamento e depuración (a depuradora dos Praceres, declarada de especial intereses pola Xunta para controlar a súa xestión, e a mellora da EDAR de Arcade, unha eterna “promesa incumprida da Xunta do PP).
Na mellora ambiental das rías insírense tamén a reclamación da dragaxe do Lérez e a situación do Ulla, coa ameaza da macrocelulosa de Altri.
En canto á dragaxe do Lérez, un proxecto 14 anos paralizado, boicoteado pola Xunta do PP, Bará afirmou que “é fundamental para garantir a navegabilidade na canle do Lérez, a operatividade no porto deportivo e a mellora da capacidade produtiva dos bancos marisqueiros”. Neste sentido, afirmou que “a única solución é tratar os lodos urbanos (potencialmente perigosos) é tratalos en terra, como se fixo no caso da ría do Burgo, na Coruña. O mar non pode ser un vertedoiro”, afirmou o deputado nacionalista.
No que respeita ao Ulla, e á alarma provocada pola macrocelulosa de ALTRI tendo en conta, ademais, que se está a ampliar a ETAP de Padrón para abastecer de auga potábel a dez concellos de ambos lados da ría de Arousa.
Luís Bará: “O BNG fará unha oposición positiva e propositiva fronte á nova/vella política do PP, destrutiva, corrosiva e agresiva”
3) O terceiro grande ámbito de actuación é a mellora da sanidade pública, para dar solución aos graves problemas na atención primaria e na pediatria, e á necesidade de construir os novos centros de saúde en Caldas de Reis, Poio e Soutomaior. O BNG reivindicará tamén un uso socio-sanitario do actual hospital provincial
4) Por último, Bará salientou a necesidade da mellora da rede viaria autonómica, fundamentalmente no que ten que ver coa seguridade viaria, accesibilidade e mobilidade peonil e ciclista.
O deputado fixo fincapé en dúas infraetruturas prioritarias: a variante de Alba, unha demanda histórica que a Xunta do PP leva adiando ano a ano, para unir a estrada de Vilagarcía coa de Santiago, e o vial do Vao para conectar a PO-308 desde o Casal de Ferreirós até a estrada de Vilagarcía, atravesando parte do poboado do Vao, unha estrada de pouco máis de 500 metros, moi doada de facer e que melloraría dunha forma impresionante a mobilidade ao redor da ponte da Barca. “Non entendo por que o PP leva boicoteando tanto tempo esta infraestrutura que melloraría sensibelmente a mobilidade en todo este ámbito”, concluíu o deputado nacionalista.