O BNG FARÁ VALER O ACORDO DE INVESTIDURA NO ESTADO PARA QUE SE COMPLETE O PASEO A MARÍN

Concello de Pontevedra e Costas avanzan na recuperación e mellora dos terreos marítimo-terrestres da cidade

Concello de Pontevedra e Costas avanzan na recuperación e mellora dos terreos marítimo-terrestres da cidade

Pontevedra, 4 de abril de 2024. Este xoves, 4 de abril, tivo lugar en Pontevedra unha reunión técnica entre o concello de Pontevedra e representantes de Costas, coa súa directora xeral á cabeza, para abordar os temas que Costas ten pendentes en Pontevedra. Entre os temas abordados podemos salientar:

Praia de Ponte Sampaio

O propio Estado licitará un proxecto propio para a zona que no futuro será executado por eles. “En principio, e xa viña falado, as actuacións que se proxecten cada un fará as súas. É sempre un follón pasar un proxecto a outra administración, as correccións... Será Costas que encargue o proxecto para Ponte Sampaio, en coordinación por suposto co Concello, para logo executalo”, explicou Mosquera. 

Enseada do Ulló

O Concello de Pontevedra quere recuperar a enseada do Ulló, “a gran esquecida do dominio público marítimo-terrestre de Pontevedra”, en palabras de Mosquera. “É un espazo que pide unha actuación relativamente doada para a que Costas tamén vai pedir a redacción dun proxecto»”. A traza do vello ferrocarril converteu nun lodazal o lugar ao non poder circular a auga do mar con normalidade. Queremos ampliar e rexenerar a dinámica natural da enseada, que é preciosa. Debería abrirse esa conexión co mar e así se estudará. 

Parque da Dignidade en Lourizán

Ao redor do Parque da Dignidade, o concelleiro explicou que Costas dá luz verde ao proxecto, mais este está en stand by até ver que acontece con esa obra que ameaza con dividir o espazo en dous a través do proxecto ideado por Fomento, “un disparate que estragará a praza dos Praceres”. “Agora o lugar no que queremos construír o parque está pedido para uso de acopios para esta obra. No intre que se faga ou que non se faga, algo polo que teño esperanza, veremos se podemos darlle saída á construción do parque”. 

Terreos de Malvar

En canto aos terreos de Malvar, o Concello pedirá a desafectación dos terreos para crear un parque disuasorio e así será estudado polo servizo estatal. 

Gasolineira do Burgo

Ao respecto da gasoliñeira do Burgo, Costas transmitiu que o peche da mesma se demorará ao aparecer un recurso que prolongará a situación actual. 

Mosquera califica de cantamañanada que Costas negue agora a continuidade do paseo a Marín, unha obra socialmente demandada, que mesmo chegou a estar adxudicada e que forma parte do acordo político BNG-PSOE para o investimento de Pedro Sánchez. 

Paseo a Marín

A directora xeral de Costas amosou á súa oposición a continuar con este proxecto, algo que lle causou “sorpresa” xa que se trata dunha actuación “comprometida e asinada”. 

Segundo o sinalado por Mosquera, a Costas non lle convence que o segundo treito do paseo invada a lámina de auga e contemple pilotes sobre a ría. Sexa como for, o Concello opina que Costas terá que buscar unha solución á hora de darlle saída a este paseo, xa que se trata dun pacto asinado entre o PSOE e o BNG para a investidura do actual presidente do Goberno do Estado, polo que a nivel político “nós imos presionar para que se faga”. Mosquera non dubidou en calificar de “cantamañanada” a postura de Costas “É malo de entender porque a lei é a mesma e o partido do Goberno tamén”. 

Compre lembrar que este proxecto, que conectaría o treito xa construído coa pasarela das mariscadoras nos Praceres ten un amplo respaldo político e social tanto en Marín coma en Pontevedra, e que mesmo chegou a estar aprobado, orzamentado e adxudicado.

Illa do Covo

Por último, o edil ofreceu novidades ao redor do proxecto para rexenerar o brazo do Lérez que fai na Illa do Covo e que corre risco de desaparecer nos vindeiros anos de non facerse algún tipo de actuación que permita unha correcta e mellor circulación da auga. Neste sentido, Costas tamén se comprometeu a estudar as posíbeis medidas e tratamentos, como a retirada das comportas existentes, crear unha posíbel ponte e recuperar ese trazado acuático. 

Concello de Pontevedra e Costas avanzan na recuperación e mellora dos terreos marítimo-terrestres da cidade