Pontevedra acollera o II Congreso da Rede Iberoamericana de Investigación en Desparazamento Activo, Saudábel e Sustentábel
Pontevedra, 2 de abril de 2024. Pontevedra será a sede do segundo congreso da rede iberoamericana de investigación en desprazamento activo, saudábel e sustentábel (RIIDASS), que terá lugar os días 9, 10 e 11 de abril de 2025, entre o Teatro Principal e a Facultade de Ciencias da Educación.
Esta cita divulgativa chega a Pontevedra logo de comezar o seu camiño no municipio chileno de Valparaiso. O obxectivo do congreso non é outro que procurar novas vías de traballo á hora de impulsar cidades máis sustentábeis e con desprazamentos peonís, ao tempo que relaciona este tipo de locomoción e mobilidade coa saúde e a loita contra o cambio climático.
Así o desvelou o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, logo dunha xuntanza co profesor Otto Lührs Middleto, un dos impulsores deste proxecto, e bo coñecedor do modelo de transformación urbana aplicado en Pontevedra logo de estudalo nos últimos anos. Lührs pertence ao Instituto de Ciencias da Educación da Universidade Austral de Chile e eloxiou o uso do espazo público na cidade do Lérez.
“Sempre é unha honra que nos escollan para calquera tipo do congreso, máis aínda neste caso pola súa relación coa cidade dada a súa referencialidade na transformación urbana”, indicou o alcalde Pontevedrés. “É preciso que o mundo faga cidades máis habitábeis, que teña os servizos sexan activos e a mobilidade prioritaria sexa a peonil. É doado fiar todo isto coa loita contra o cambio climático e a saúde”.
Lores explicou que o congreso achegará até Pontevedra ao redor de 200 persoas, maioritariamente profesores cun perfil relacionado coas ciencias da educación e do deporte.
Pola súa banda, o profesor chileno indicou que foi no ano 2019, nunha visita a Pontevedra, cando comprendeu que se trataba dunha vila especial ao comprobar a tranquilidade que sentía cando vía xogar ao seu fillo de catro anos lonxe del e a súa parella, sen risco ningún. “Isto non pasa na nosa cidade. Foi triste constatar que nos sentíamos mellor aquí que na nosa vila de orixe”, explicou o organizador.
“Queremos que Pontevedra non sexa só o lugar que sosteña o congreso, senón que faga parte do congreso impactando nos seus encontros, servindo para investigar e marcar o camiño para atopar respostas a estes retos globais.