EVITARÍANSE "GUERRS" E "ESPECTÁCULOS" ENTRE PARTIDOS
O BNG propón fixar as dedicacións exclusivas da Deputación no Regulamento Orgánico
Pontevedra, 2 de abril de 2024. O BNG propuxo fixar as dedicacións exclusivas de deputados e deputadas e de persoal eventual da Deputación a través do Regulamento Orgánico Provincial (ROP) que rexe o funcionamento da institución para evitar “guerras” e “espectáculos” entre partidos políticos.
Segundo o portavoz nacionalista César Mosquera, o ROP debería establecer as condicións “por imperativo” polas que cada grupo político ten dereito a un número ou outro de ‘liberacións’ en función da súa representatividade nas bancadas provinciais.
Cunha regulación estipulada por norma, insistiu, a Presidencia evitaría ter que levar ao debate político, tal como se fai no Congreso en Madrid, a proposta das exclusivas cada vez que se inicia un mandato ou se realiza unha modificación ou substitución posterior -como a que se aprobou para a nova vicepresidenta Luisa Sánchez-.
Salientou que, con este cambio, eliminaríanse para o futuro as “guerras” e os “espectáculos absurdos” e a “mesma música de sempre”, facendo referencia ao enfrontamento aberto entre o PP e o PSOE dende o Pleno de Constitución de inicio do mandato, cando os ‘populares’ deixaron sen soldo a representantes políticos do grupo socialista por diferencias partidistas.
Mosquera subliñou, por outra banda, que coa aprobación no Pleno do 2 de abril da dedicación exclusiva da nova vicepresidenta delegada da área de Vigo ponse de manifesto unha rectificación por parte do Partido Popular con respecto ao seu discurso inicial de reducir o número de dedicacións exclusivas e o gasto en soldos.
Insistiu en que esa redución de gasto produciuse no inicio de mandato pola eliminación das dedicacións da oposición e puxo de relevo que, agora, como as necesidades do grupo do PP “cambiaron” –a anterior vicepresidenta Fernández Tapias cobraba soldo do Concello de Vigo e a actual non-, o aumento de salarios na Deputación “venlle de rebote”.
Por todo isto, Mosquera anunciou que o BNG absterase en calquera votación sobre o tema ata que non se aprobe a proposta de modificación do Regulamento Orgánico Provincial.