Discurso de Eva Vilaverde na inauguración da XL Semana Galega de Filosofía

Discurso de Eva Vilaverde na inauguración da XL Semana Galega de Filosofía

Bo día, a todos e todas.

Para min, para o Concello de Pontevedra, para a mesma cidade de Pontevedra é e será sempre unha honra poder inaugurar a Semana Galega de Filosofía, unha cita clásica, unha cita necesaria e unha cita que non é que forme parte da Boa Vila, senón que, dalgún xeito, tamén lle dá forma, fomenta ese pensamento crítico, ese dinamismo e esa cultura que procuramos e defendemos en Pontevedra.

Quero agradecerlle á Aula Castelao a súa implicación e labor para que hoxe poidamos estar aquí. Fostes quen de continuar un traballo exquisito ao longo dos anos, e non todo o mundo sabe e entende o difícil que é manter unha programación destas características no tempo, máis aló de iniciala, cando os folgos son evidentes.

E si, cómpre falar do tempo. Recoñezo, e supoño que é este un pensamento que acontece decotío, certa vertixe á hora de pensar e argumentar sobre o tempo.

É difícil achar un termo máis extenso, volátil, citado e tratado xa non na arte, senón na nosa humanidade. É un concepto estraño ao tempo que familiar, pois podemos experimentalo no día o día, ou cremos sentilo, dalgún ou outro xeito, a cada ollada e cada pisada.

Non quero filosofar de máis, os profesionais son outros, e até sinto certo desacougo ao imaxinar o difícil que é analizar o tempo por mor das súas múltiples interpretacións e interaccións con nós mesmos. Dende a física até a literatura, desde a filosofía á bioloxía. O tempo é unha constante transversal que chega a funcionar non só coma un fío conductor, senón como una autoestrada pola que circulan os pensamentos.

É curioso, pois creo que nos últimos anos houbo unha explosión ao redor do tempo, do tempo entendido como a vida, como ese tramo que percorremos e que queremos aproveitar ao máximo, unha sorte de carpe diem que se vén dando decotío, cun ollo nesa pandemia que pasamos, e que semella deixou un pouso máis fondo do que auguramos.

Queremos aproveitar máis que nunca o tempo, mais entramos nesa difícil contradición de tentar facer as cousas o máis rápido posíbel no sentido de aforrarnos minutos, horas ou días. Disto, de seguro podemos falar moito, pero o certo, e como quería aventurar... non quero roubarvos o voso valioso tempo, e si quero escoitarvos.

Por pura casualidade, din estes días cunha liña clásica do poeta Juan Ramón Jiménez, que di tal que así: «Quen sabe que está pasar ao outro lado de cada hora?». O tempo é tan misterioso e esquivo como pode selo o noso pensamento, polo que é difícil imaxinar mellor temática neste 2024 para a Semana Galega da Filosofía.

Agardo que gocedes da programación, dos relatores que até aquí se achegarán e grazas de novo a Aula Castelao polo seu labor e a súa implicación.

Obrigada.

Discurso de Eva Vilaverde na inauguración da XL Semana Galega de Filosofía