UN NOVO MIRADOIRO, NA REGA DA PEREIRA, PERMITE UNHAS VISTAS ESPECTACULARES DA CIDADE
Pontevedra acomete melloras no parque forestal da Fracha
Pontevedra, 1 de abril de 2024. Ao longo das últimas semanas, o goberno municipal realizou diversos labores de mellora e acondicionamento no parque forestal da Fracha, que xunto co parque de A Tomba e o parque do Pontillón do Castro, configura a rede de parques forestais que rodea a cidade xerando un anel verde.
As obras de posta en valor deste espazo entre o ano 2020 e 2021 supuxeron un investimento duns 450.000 euros, e, día de hoxe, a área de Montes continúa o obxectivo de achegar este pulmón verde á cidadanía pontevedresa, situado nos terreos das comunidades de montes de Marcón, Tomeza e Canicouva.
Agora, a infraestrutura de lecer existente ampliouse coa construción dun novo miradoiro, situado na área de lecer de Rega Pereira en Tomeza, consistente nunha pasarela de madeira integrada na paisaxe que permite ter unha espectacular vista da cidade de Pontevedra.
Doutra banda, cómpre sinalar que tanto este parquecoma os outros dous contan cunha brigada de mantemento ao longo de todo o ano que fundamentalmente realiza traballos de control da vexetación e eliminación de especies invasoras.
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, visitou nas últimas semanas os distintos traballos que se foron realizando, para comprobar in situ o resultado dos mesmos. Así, o rexedor anima a toda a veciñanza que queira coñecer os parques forestais a pasear polos mesmos e facer algún dos roteiros sinalizados, co fin de ampliar o coñecemento sobre o terreo das parroquias pontevedresas e fomentar hábitos saudábeis.