Unha marea azul de escolares percorre Caldas para concienciar sobre o autismo

Unha marea azul de escolares percorre Caldas para concienciar sobre o autismo

Caldas, 12 de abril de 2024. Centos de escolares de todos os centros de ensino de Caldas participaron nunha andaina polas rúas do centro para concienciar e sensibilizar a toda a veciñanza caldense sobre as condicións das persoas autistas e a necesidade de construír unha sociedade máis inclusiva. 

O tenente de alcalde Manuel Fariña destaca que as actividades organizadas para a conmemoración do Día de Concienciación sobre o Autismo foron unha iniciativa e petición do alumnado do CEIP San Clemente que o Concello acolleu e fixo extensivas ao resto de escolas de infantil, primaria e secundaria, que se sumaron a participar cunha grade aceptación. 

A xornada comezou nos propios colexios, onde o alumnado pintou os pasos de peón anexos aos centros con pictogramas para axudar e facilitar aos nenos e nenas con trastornos do espectro autista a entender como cruzar a rúa con seguranza. 

Trátase dunha secuencia de catro pictogramas, ordenados de forma lóxica (para, mira, coches parados, cruza), que se instalaron na primeira franxa dos pasos de peóns de todo o municipio,extendéndose progresivamente no resto do viario do centro urbano. 

Logo dese traballo, as e os escolares caldenses trasladaronse ata a Carballeira, de onde saiu unha marcha-andaina que percorreu as rúas do centro para volver de novo ao xardín botánico, onde se dou lectura a un manifesto. 

Toda a rapazada xunto a profesores e profesoras, ademais do edil Manuel Fariña, foron ataviados con camisetas azuis, a cor máis utilizada para simbolizar o autismo por ser a cor do mar. A explicación é que existe un paralelismo entre o mar e as persoas con autismo, principalmente por dous motivos: porque o mar e as persoas con autismo adoitan estar acougados e tranquilos pero en ocasións ambos poden descontrolarse, e por outra banda, porque tanto o mar como as persoas con autismo albergan un mundo interior moi rico que todas as persoas quedarían fascinadas ao coñecer. 

Unha marea azul de escolares percorre Caldas para concienciar sobre o autismo