O Concello de Pontevedra mellora a rúa Domingo de Andrade creando espazos peonís, soterrando servizos e reordenando o tráfico

O Concello de Pontevedra mellora a rúa Domingo de Andrade creando espazos peonís, soterrando servizos e reordenando o tráfico

Pontevedra, 2 de maio de 2024. O Concello de Pontevedra está a acometer a mellora da rúa Domingo de Andrade situada ao pé da igrexa de Santa María, e que une a rúa do Ouro con Xofre de Tenorio. A Concellaría de Servizos urbanos básicos, que dirixe Xaquín Moreda, acordou acometer a renovación de servizos, a creación dunha beirarrúa e a pavimentación seguindo co plan de mellora dos espazos públicos en todos os barrios da cidade.

Nesta ocasión trátase dun proxecto máis completo que noutras intervencións xa que é preciso renovar todos os servizos soterrados e mellorar a accesibilidade dende o entronque da rúa do Ouro até Xofre de Tenorio. O concelleiro ordenou garantir a seguridade á veciñanza da rúa e aos establecementos comerciais alí radicados xa que Domingo de Andrade non está ordenada e non ten segregados os tráficos peonís e os motorizados, co conseguinte perigo para veciños e transeúntes.

Ademais, é unha rúa por completar ao ter solares edificables por desenvolver. Está habitada soamente no lateral esquerdo (en sentido da circulación do tráfico), e no dereito hai un predio sen construír, polo que a mellora estase a facer no lateral das vivendas.

A actuación consiste na renova da canalización de auga potábel coa instalación dunha tubaxe de 100 mm en fundición dúctil e a reconstrución das acometidas de auga; farase unha reserva de alumeado e preinstalación de reserva de telecomunicacións e de enerxía eléctrica. Neste momento a obra acomete a apertura de noiros e a instalación da tubaxe.

A beirarrúa farase en formigón varrido en cor gris delimitada cun bordo en pedra que segrega os espazos peonís da calzada. Evitará que os vehículos estacionen diante das fachadas dos edificios.

Finalmente, a reforma rematará co aglomerado da rúa, a instalación de nova sinalización que reordenará os espazos de estacionamento soamente no lateral dereito (en sentido da circulación) que priorizará o tránsito peonil e garantirá a accesibilidade na rúa. Os sentidos de circulación mantéñense como na actualidade.

O Concello de Pontevedra mellora a rúa Domingo de Andrade creando espazos peonís, soterrando servizos e reordenando o tráfico