O BNG apoia as mobilizacións do marisqueo a pé e leva as súas demandas ao Parlamento galego e ás Cortes do estado
Pontevedra, 30 de abril de 2024. Unha ampla representación do BNG asistiu hoxe en Pontevedra á manifestación en defensa do marisqueo a pé que percorreu as rúas de Pontevedra entre a delegación da Xunta e a subdelegación do goberno central.
Para o BNG “esta mobilización é consecuencia da desesperación de máis de 400 mariscadores e mariscadoras de a pé polo cesamento forzoso da actividade -de momento até o mes de xuño- e as contiosas perdas económicas que lles supón, xa que levan varios meses case sen ingresos e tendo que asumir diversos gastos como o pagamento da cota de autónomas.
Unha ampla representación nacionalista formada polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, o concelleiros de Pontevedra Raimundo González e Alberto Oubiña, as concelleiras de Poio Marga Caldas e Raquel Rodríguez, os deputados Luís Bará, Paulo Ríos e Carmela González, e a vicerresponsábel comarcal Ana Peralba asistiron hoxe en Pontevedra á manifestación convocada polo sector en defensa dos dereitos do marisqueo a pé.
Para darlle resposta a esta situación, o BNG trasladou diversas iniciativas parlamentares por medio do deputado por Pontevedra Luís Bará. Nelas chámase a atención sobre “a grave crise da produción marisqueira das rías galegas, a alta mortalidade de bivalvos, agravada nos últimos meses como consecuencia das intensas chuvias do outono e do inverno. Unha situación crítica, causada por diversos factores, e que a administración autonómica galega non foi quen de prever, de avaliar e de atallar”.
Segundo Bará, “unha confluencia de factores climáticos, ambientais, meteorolóxicos e de contaminación que están provocando unha alarmante perda de produtividade en todas as rías galegas, e a Xunta é incapaz de facerlle fronte a esta grave situación”.
O deputado por Pontevedra Luís Bará rexistrou iniciativas no parlamento galego para demandar axudas que compensen as perdas pola cesamento de actividade, dotación de semente para rexenerar os bancos marisqueiros e un estudo que permita avaliar as causas da perda de produtividade e as posíbeis solucións á grave emerxencia que afecta ás rías.
O grupo nacionalista trasladou a través do alcalde de Pontevedra, presente tamén na mobilización, o apoio ás xustas reclamacións dos colectivos do marisqueo a pé das rías de Pontevedra e Vigo: “axudas dignas, individuais e directas; flexibilización temporal das obrigas fiscais; rexeneración dos areais e dos bancos marisqueiros da ría; plan de continxencias fiable, e unha implicación real das administracións na procura de solucións para a grave crise ecolóxica e económica que afecta ás rías”.
Carme da Silva reclama no senado o saneamento das rías, a rexeneración dos bancos marisqueiros e axudas económicas ao sector
Pola súa banda, a senadora nacionalista, Carme da Silva presentou distintas iniciativas no Senado para a adopción de medidas socioeconómicas que axuden a paliar a situación e iniciar un plan de saneamento integral das rías galegas e a rexeneración dos bancos marisqueiros.
Da Silva salientou que "o sector xa non espera nada da Consellaría, que ten competencias exclusivas en marisqueo", que non reaccionou até decembro cando o estrago era máis que evidente e as zonas máis afectadas levaban case tres meses abandonadas á súa sorte. A senadora nacionalista lembrou que non fai até febreiro, en plena campaña electoral das Galegas, cando a Consellaría efectúa un pago de 550 euros a parte dos mariscadores e mariscadoras afectadas. "Foi o único apoio que recibiron da Xunta desde outubro, e só nalgúns casos, cando a día de hoxe aínda as praias están arrasadas, seguen sen actividade miles de persoas e tamén sen expectativas de retomala a curto prazo para poder comezar a recuperar as rendas do seu traballo".
Para a senadora nacionalista resulta imperioso que se actúe para que o abandono da actividade non medre aínda máis e, sobre todo, para a recuperación e potenciación dos bancos marisqueiros.
Da Silva solicita a colaboración e coordinación entre a Xunta e os ministerios competentes, xa que moitas das reclamacións do sector entran directamente no ámbito das competencias do Estado. Neste sentido, a senadora galega insta ao goberno do Estado a iniciar un plan de saneamento integral das Rías galegas e de rexeneración dos bancos marisqueiros, así como a adopción de medidas socioeconómicas até a recuperación plena da actividade, como a exención das cotas da Seguridade Social das mariscadoras e mariscadores ou o establecemento de axudas directas aos distintos eslabóns da cadea afectados: mariscadoras, confradías, depuradoras, cocedeiros e industria de transformación, así como ás comercializadoras.