Soutomaior presenta o 8M no centro de saúde de Arcade

Soutomaior, 7 de marzo de 2025. 7 de marzo, Soutomaior. A concelleira de Igualdade e de Benestar Social, Rosana Martínez Boullosa, presentoulle á matrona de Arcade, Paula Conde, e ao persoal sanitario do centro de saúde, a campaña do 8M que dende o concello lanzan para este ano.
Baixo o lema MATRONALIA 8M, neste 2025 a campaña municipal centra o seu foco na visibilización e recoñecemento da figura da matrona.
Así mesmo o Concello de Soutomaior aposta por visibilizar. como cada ano o traballo das artistas galegas destacadas no campo da ilustración e as artes plásticas. Este ano , Abi Castillo é a responsable do deseño da ilustración do 8M.
Dentro da programación para este 8M destaca o Concerto de Guadi Galego, co seu espectáculo Horizonte, programado para hoxe, venres 7 de marzo, ás 21:00h. no Multiúsos de Arcade. Un concerto que é de balde previa recollida de entradas. As entradas, son sen numerar, dende o concello informaron nesta xornada que aínda quedan entradas dispoñibles, as e os interesados poderán recoller a súa entrada no Multiúsos a partir das 20:00h. Importante lembrar que se poden retirar un máximo de dúas entradas por persoa.
A campaña do 8M seguirá viva en Soutomaior o vindeiro venres 14 de marzo onde terá lugar o faladoiro IMPRONTAS FEMINISTAS, coordinado por Paula Conde López, actual matrona de atención primaria no Centro de Saúde de Arcade, e coa participación de AGAM Asociación Galega de Matronas. Abordarase no faladoiro o rol das matronas ao longo da historia e as súas improntas na loita feminista.
Esa mesma tarde entregarase o recoñecemento municipal “María a das mil flores”, que este ano se entregará, por acordo da Consello Feminista Municipal, a Marisol Santomé Portela, (Matrona en Arcade dende o 2004 ata o 2022), pola súa aportación comunitaria a vida de tantas mulleres do Concello.
Ademais a programación do 8M tamén inclúe dous obradoiros, un deles “Climatéricas” terá lugar os días 27 de marzo, 3, 10 e 24 de abril e 8 de maio no Centro de Benestar Integrado (Multiúsos). Un obradoiro de balde e cuxa inscrición en liña comezará o vindeiro 10 de marzo e estará aberta ata o 20 deste mes a través de www.soutomaior.gal
No mes de maio chegará o obradoiro de “Chan Pélvico” que se desenvolverá tamén no Centro de Benestar Integrado (Multiúsos) os días 15, 22 e 29 de maio e 5 de xuño. Un obradoiro de balde cuxa inscrición terá lugar do 22 de abril ao 1 de maio a través da web do concello www.soutomaior.gal