O ‘Trail Laxe dos Bolos’ de Caldas deste domingo rompe as expectativas e duplica o número de persoas inscritas da edición anterior

Caldas de Reis, 11 de marzo de 2025. O alto ritmo das inscricións no ‘II Trail Laxe dos Bolos’ do domingo 16 de marzo en Caldas de Reis xa deixaba ver unha boa convocatoria, pero as cifras definitivas veñen de romper totalmente as expectativas. Segundo informou o tenente de alcalde e responsable da Concellería de Deportes, Manuel Fariña, o número total de participantes nesta segunda edición case duplica o da primeira, alcanzando finalmente as 524 persoas. “A satisfacción é máxima polo tirón conseguido entre a xente e por térmonos convertido en referente nun tempo tan pequeno”, subliñou orgulloso o nacionalista, quen destacou que o Concello ten xa todo preparado tanto para a competición deportiva oficial como para a andaina.
Fariña explica que a Concellería de Deportes ten deseñado un operativo especial co fin de que a organización sexa un éxito. O despregue contará con todos os efectivos dispoñibles de Protección Civil (12 persoas), así como cun grupo de 30 persoas voluntarias inscritas ‘ex profeso’ no Concello para colaborar neste evento.
A cita deportiva está organizada polo Concello da man da Federación Galega de Atletismo e incluirá o Campionato de Galicia de Trailrunning individual (‘classic’) máis outras dúas probas oficiais de carreira (‘preclassic’), así como unha andaina popular non competitiva aberta a calquera persoa. Todas elas discorrerán por un itinerario renovado con respecto ao ano pasado nunha contorna de especial beleza dentro do Monte Xiabre.
As probas oficiais estarán baixo o control técnico do Comité Galego de Xuíces da Federación Galega de Atletismo. A carreira ‘classic’, denominada ‘Desafío Xiabre’, contará con 89 persoas deportistas inscritas e servirá, como xa se anunciou, para axudar a elixir as e os integrantes da selección galega. Terá unha lonxitude de 27,6 quilómetros, sendo o treito máis longo, con máis de 1.600 metros de desnivel, e sairá ás 9 da mañá dende o Cruceiro do Campo da Torre, para pasar despois polas parroquias de Bemil, Paradela e Saiar.
Os treitos medio e curto (‘preclassic’) terán 16,64 e 8,3 quilómetros respectivamente, e as persoas participantes (182 e 172) sairán dende a praza da Biblioteca ás 10 e 10.30 horas. Tamén sairá do mesmo punto do centro da vila a andaina popular, cunha lonxitude de 12 quilómetros, que arrancará apenas cinco minutos despois da última proba oficial con 81 persoas anotadas. O percorrido de todas estas probas discorrerá polos montes de Santa María, polas inmediacións da Fábrica da Luz que este ano está de aniversario.
A recollida de dorsais poderá facerse xa o sábado 15 de marzo de 17 a 20 horas nas instalacións habilitadas pola Concellería de Deportes na Tafona e o propio domingo 16 a partir das 8 da mañá e ata 15 minutos antes do comezo de cada proba.
Para pechar a xornada, outra das novidades desta edición será que o colectivo de Mulleres Rurais de Carracedo ofrecerá unha degustación dos seus famosos callos ás persoas participantes para coller folgos ao remate da proba.
Segundo subliña o tenente de alcalde Manuel Fariña, con citas coma o ‘Trail Laxe dos Bolos’, Caldas estase a demostrar ser un lugar perfecto tanto para o deporte como para o turismo deportivo porque ademais de organizar probas de referencia “ofrece patrimonio, natureza, cultura e gastronomía: un ‘pack’ completo para que a xente veña coñecer a nosa vila”.