A nova responsábel local do BNG, Sabela Bará Louro, márcase como obxectivo estender o BNG para chegar á maior cantidade de espazos e persoas

Sabela Bará
Sabela Bará
A nova responsábel local do BNG, Sabela Bará Louro, márcase como obxectivo estender o BNG para chegar á maior cantidade de espazos e persoas

Sabela Bará é a nova responsábel do BNG en Pontevedra. Elexida por unanimidade, a nova responsábel local encabezaba a única candidatura presentada, unha candidatura que, nas súas palabras, “busca representar o conxunto da militancia, con presenza de persoas dos diferentes barrios e parroquias, que participan en movementos sociais e culturais e tamén de distintas idades. Combina persoas con moita experiencia dentro do BNG con outras que contan cunha militancia máis recente, mais cunha participación activa e que dan o paso de implicarse no traballo organizativo. É unha suma de diferentes perfís que pretende enriquecer o proxecto do BNG”.

A nova responsábel local agradeceu a todas as persoas que deron un paso adiante ao formar parte deste proxecto, así como a todas aquelas que traballaron no último Consello Local, comezando polo anterior responsábel, Demetrio Gómez, polo seu traballo nos últimos anos, nun período complexo, marcado por “tantas convocatorias electorais”. 

2025-02-06 20.51.08-_DSF4751

Sabela Bará agradeceu o  apoio da militancia e manifestou o “orgullo de poder presentar esta candidatura e facelo nunha localidade na que o BNG leva máis de 25 anos no goberno. É unha gran responsabilidade asumir os retos que temos por diante neste período, no que o grupo municipal, o Consello Local e toda a militancia temos que camiñar da man para que o BNG continúe a construír unha Pontevedra mellor”.  

Un dos obxectivos deste período, será “convocar e escoitar a militancia con maior frecuencia. A militancia é o principal valor do BNG, somos os ollos, as orellas e as mans nos nosos barrios e parroquias, nas asociacións e nos movementos sociais e culturais dos que participamos. E ese gran valor ten que ser fundamental para apoiar todo o traballo que se desenvolve dende o goberno municipal. Tamén para que o proxecto do BNG chegue a maior cantidade de espazos e persoas posibles”. 

Para lograr unha maior operatividade, conformouse unha Executiva Local de seis persoas que se encargará de coordinar o traballo máis inmediato e establecer unha liña de comunicación continua co goberno municipal. 

A nova responsábel local do BNG, Sabela Bará Louro, márcase como obxectivo estender o BNG para chegar á maior cantidade de espazos e persoas