O BNG propón homenaxear a Sandra Fentanes Canda o 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres
![Sandra Fentanes](/asset/thumbnail,992,558,center,center/media/bngpontevedra/images/2025/02/13/2025021311524621345.jpg)
Cerdedo-Cotobade, 14 de febreiro de 2025. Diante da proximidade da celebración o 8 de marzo do Día Internacional das Mulleres, e do inicio dos traballos para elaborar a programación das actividades deste día por parte do goberno municipal, o BNG quere facer pública a proposta da veciña Sandra Fentanes Canda, natural de Valongo, como unha das mulleres a homenaxear e recoñecer.
Coa proposta de Sandra Fentanes Canda queremos pór en valor tres aspectos que para nós son moi importantes e significativos:
- A XUVENTUDE. Para o BNG é importante darlle valor á mocidade nun concello, coma o noso, moi avellentado, e Sandra Fentanes representa moi ben ás mozas dinámicas que hai no noso concello.
- A IGUALDADE. Sandra Fentanes, transportista profesional, foi quen de abrirse camiño nun ámbito laboral tremendamente masculinizado.
- A SOLIDARIEDADE. A actitude de Sandra Fentanes poñendo o seu tempo e o seu camión a disposición de empresas, ANPAS e asociacións para levar mercadorías ás zonas afectadas pola Dina en Valencia é digna de toda a nosa admiración, e unha mostra da solidariedade do noso pobo.
O 8 de marzo é, desde hai máis de cen anos, unha data internacional de reivindicación e loita pola igualdade de dereitos das mulleres. Promover a igualdade entre homes e mulleres pasa por fomentar a mudanza de valores, rachando co modelo actual de socialización sexista, promovendo novas formas de ser mulleres e homes e avanzando nun modelo de relacións simétricas.
Neste sentido, “desde o BNG consideramos que a xuventude, a loita pola igualdade e a solidariedade demostrada por Sandra Fentanes Canda son motivos máis que suficientes para que o vindeiro 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, reciba o recoñecemento e o agarimo dos seus veciños e veciñas e da corporación municipal ao completo”, afirmou o portavoz municipal, Ernesto Filgueira.