29 DE MAIO NA ALAMEDA
O Correlingua presenta en Pontevedra a súa 25 edición
![Rolda Correlingua](/asset/thumbnail,992,558,center,center/media/bngpontevedra/images/2025/02/12/2025021217321262037.jpg)
Pontevedra, 12 de febreiro de 2025. O concelleiro de Normalización Lingüística, Demetrio Gómez, Anxo Terán, presidente da AC Correlingua, Celia Armas, coordinadora comarcal do Correlingua da Coruña, Suso Vermello, secretario nacional da CIG Ensino e Marta Ferreiro, en representación da AS-PG deron a coñecer que a Alameda é o espazo escollido para acoller o 29 de maio a 25 edición do Correlingua, en Pontevedra.
Demetrio Gómez salientaba que o Correlingua non é só unha carreira que vai ter lugar o 29 de maio en Pontevedra. “Para a cidade é un día moi especial, porque é imprescindíbel cambiar o rumbo que ten a Lingua Galega neste momento. Hai que derrogar o “decreto da vergoña”, hai que cambiar a lingua no Ensino e a mocidade ten que sentir que é necesario que utilice a lingua propia do país”.
O concelleiro salientou que “se o Ensino neste momento non está resultando un elemento galeguizador,non é por culpa dos e das profesionais que alí traballan, que participan nesta e noutras actividades para intentar mudar ese rumbo. Temos unas excelentes profesionais, temos unha sociedade disposta a traballar e facer necesaria a nosa lingua galega e desde o Concello van ter sempre o noso apoio para que isto siga sendo así.”
O Presidente da AC Correlingua, Anxo Terán, salientou, antes de presentar as actividades programadas, que “este ano cumprimos 25 anos, contra vento e marea. 25 anos saíndo á rúa por todas as vilas e localidades do país, e contando coa axuda sempre dos centros de ensino e do alumnado. Este ano tamén para nós é especial porque, dada a situación actual do idioma, a parte das carreiras pola rúa, elaboramos actividades durante todo o ano que permiten ter feedback cos centros e o profesorado non só no mes de maio.
Entre as actividades máis senlleiras están:
- A selección do lema, escollido entre as propostas dos centros. Este ano será “A mocidade activa por unha lingua viva!” que nos parece moi acaído.
- Regueifando! A creación dunha gran regueifa colectiva. Enviase un titorial, crean e gravan 3 coplas na aula e mándase ao seguinte centro para que o continue. Ao final editamos un vídeo con todas as regueifas dos grupos participantes. Na edición do 2024 participaron 19 grupos doutros tantos centros de ensino de toda Galiza. Dende xaneiro hai aulas traballando a Regueifa e creando coplas.
- Desata a lingua, Obradoiros de escrita creativa impartidos por escritoras en aulas de 1 e 2 da ESO. Desde hai xa dúas edicións comezaron estes obradoiros coa intención de elaborar un manifesto colectivo. O manifesto desta edición é o resultado dese traballo feito nos centros no último trimestre do 2023. Os obradoiros que se farán no último trimestre do 2025 darán como resultado o manifesto do Correlingua 2026.
- Crealingua. Concurso libre de creación artística en galego. O Crealingua é unha ventá aberta ao idioma, agardamos aire fresco das aulas en forma de Banda Deseñada, Tik Tok, vídeo, blog e toda aquela produción feita polo alumnado.
- Cantalingua. Concurso de música en galego. Os grupos musicais que queiran participar envían unha canción en galego.Os grupos gañadores serán os que animen todas as Festas do Correlingua 2025
Toda a información na web do Correlingua