Soutomaior completará en 2025 a reforma do campo de fútbol municipal Graciano Padín

Manu Lourenzo e Pablo Garrido diante do peche do campo de fútbol Graciano Padín
Manu Lourenzo e Pablo Garrido diante do peche do campo de fútbol Graciano Padín
Soutomaior completará en 2025 a reforma do campo de fútbol municipal Graciano Padín

Soutomaior, 12 de febreiro de 2025. O Goberno de Soutomaior xa ten sobre a mesa o proxecto para reformar por completo o peche exterior do campo de fútbol municipal Graciano Padín, subsanando as numerosas eivas e desperfectos que o muro principal ten desde hai anos e dotándoo dunha estrutura integrada co resto do peche exterior. O proxecto, que terá un investimento de máis de 120.000 euros, tamén contempla o cambio das redes protectoras detrás de ambas as dúas porterías do campo e a renovación do actual sistema de rego.

Con esta actuación o Goberno de Soutomaior avanza na segunda fase do arranxo do campo Graciano Padín, despois de investir en 2024 case 60.000 euros no arranxo do acceso principal ao recinto deportivo e en varias instalacións e 20.000 euros máis para a instalación dun sistema de aerotermia nos vestiarios.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que “nos dous primeiros anos de mandato, entre os investimentos xa realizados e esta nova actuación, destinaremos arredor de 200.000 euros a reformar o campo Graciano Padín. Grazas a este importante esforzo do Goberno de Soutomaior, o campo deixará de estar no século pasado e pasará a ser un recinto deportivo do século XXI, poñéndose á altura doutras instalacións deportivas municipais nas que tamén se están a realizar importantes actuacións”.

Así, o alcalde Manu Lourenzo sinalou que o campo Graciano Padín é empregado cada semana por máis de 200 rapaces e rapazas do noso concello e polas súas familias, que merecen unhas instalacións deportivas á altura. Ademais, cada fin de semana decenas de persoas entre xogadores/-as e seareiros doutras zonas da provincia e do País chegan ao Graciano Padín. É por iso que no Goberno estamos a realizar un gran esforzo para que o campo sexa o vivo exemplo da transformación que estamos a realizar no concello”.

Neste sentido, Lourenzo subliñou que “estamos a realizar máis investimentos ca nunca na historia da parroquia de Soutomaior. A praza na carreira de bolos da Pedreira, os asfaltados nos diferentes barrios, os proxectos para unha praza na Casa do Concello e a reurbanización e mellora do Val-Sobral... a iso hai que sumarlle os proxectos nos que o Goberno de Soutomaior está traballando para todos os barrios do concello. Esta é a transformación rural e urbana que o noso concello necesitaba e que estamos levando a cabo, sin aforrar esforzos e co claro compromiso de mellorar a vida dos nosos veciños e veciñas”, concluíu o alcalde de Soutomaior.

Soutomaior completará en 2025 a reforma do campo de fútbol municipal Graciano Padín