O Goberno local de Pontevedra traslada o seu apoio á manifestación de Queremos Galego
Baixo o lema “Lingua vital xa!”, a plataforma cidadá en defensa da lingua convoca a mobilización para reivindicar o galego en todos os espazos e para todos os usos. Neste sentido, Queremos Galego lembra o deber dos poderes públicos á hora de garantir e promover o idioma propio en todos os ámbitos e anima a cidadanía a transformar a emerxencia lingüística que sofre a lingua en forza reparadora.
O encontro de Queremos Galego co Goberno local de Pontevedra prodúcese no marco das xuntanzas que a plataforma está a manter nas semanas previas á manifestación. De feito, o pasado 23 de xaneiro tiña lugar un plenario comarcal en que se sentaron as bases dos actos previos á gran mobilización que decorrerá en Compostela.
Actuación de Migallas Teatro
Por outra parte, Queremos Galego repartirá material informativo sobre a manifestación durante os próximos días nas rúas de Pontevedra e organiza para este sábado, 15 de febreiro, ás 12 horas na praza de Ourense, “Cantaxoga”, unha actuación de Migallas Teatro, destinada a todos os públicos e de balde, co fin de implicar as pontevedresas e pontevedreses na defensa do idioma propio.