TERÁ ACCESIBILIDADE UNIVERSAL E MELLORÁ AS CONDICIÓNS DE TRABALLO
O edificio municipal de churruchaos avanza na súa reforma integral
![](/asset/thumbnail,992,558,center,center/media/bngpontevedra/images/2025/02/12/2025021213460497661.jpg)
Pontevedra, 12 de febreiro de 2025. O edil de Patrimonio municipal, Eva Vilaverde, realizou unha visita ao edificio de titularidade municipal situado na rúa dos Churruchaos, que avanza na súa reforma e mellora integral para se converter nun espazo totalmente accesíbel e funcional para os seus usuarios e usuarias así como para os traballadores e traballadoras que alberga.
“Os obxectivos fundamentais que nos marcamos con esta obra son a mellora de accesibilidade, xa que non existía un ascensor para a conexión entre os andares, un feito problemático ao tratarse dun edificio público que presta servizos á cidadanía; xunto coa mellora das condicións de traballo dos funcionarios e funcionarias que aquí se sitúan”, sinalou.
Vilaverde lembrou que este proxecto mellorará substancialmente as condicións das distintas oficinas e despachos situados neste equipamento municipal, ao tempo que ofrecerá unha accesibilidade universal. “Estamos comprobando que todo vaia en orde e só podemos ficar contentas cos traballos realizados. A semana pasada foi aprobada unha prórroga de cinco meses por unha cuestión de ralentización das obras ao precisaren permisos coas zonas colindantes do edificio, pero todo avanza ben”.
Cómpre indicar que a obra deberá estar rematada antes do 30 de setembro —segundo as condicións recollidas nas axudas europeas—, mais, aínda coa prórroga concedida de cinco meses, a data de finalización seguiría entrando en prazo, quedando marcado o mes de xullo para o seu remate.
A construtora CIES é a empresa encargada desta obra, logo de gañar a súa adxudicación por 1,27 millóns de euros, incluíndo melloras por valor de 82.007 euros. Estas melloras correrán por conta da empresa e consistirán na dotación de distinto mobiliario xunto con outros elementos.