DENUNCIA A EXCESIVA ARBITRARIEDADE E FALTA DE TRANSPARENCIA

O BNG de Valga solicita a rectificación das bases do proceso selectivo para a contratación temporal dun traballador ou traballadora social

Grupo municipal de Valga
Grupo municipal de Valga
O BNG de Valga solicita a rectificación das bases do proceso selectivo para a contratación temporal dun traballador ou traballadora social

O 7 de febreiro de 2025 publicábase na Sede Electrónica do Concello de Valga as bases de selección para a contratación de persoal laboral temporal por substitución, a xornada completa, dun traballador/a social, polas baixas actuais das dúas traballaras de servizos sociais.

Segundo figuran nas bases, a selección realizarase polo sistema de concurso de méritos no que a experiencia profesional ten unha puntuación máxima de 50 puntos, polos cursos de formación e perfeccionamento pódese acadar unha puntuación de até 25 puntos, e outros 25 puntos por unha entrevista persoal.

Da análise da valoración dos méritos, chama especialmente a atención a ausencia dunha proba obxectiva de coñecementos que é substituída por unha entrevista persoal da que non se indican os parámetros e criterios preestablecidos polos que se desenvolverá a entrevista, os criterios de puntuación e nin tan sequera se establece a súa duración. Isto contradí o Real Decreto Lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto Básico do Empregado Público, que no apartado 6 do artigo 61 di que os sistemas selectivos deben incluír “unha ou varias probas para determinar a capacidade dos aspirantes e establecer unha orde de prelación”.

A puntuación outorgada á entrevista fai desta un elemento esencial do proceso selectivo, supoñendo un 25% da puntuación máxima, e non resulta coherente a súa inserción na fase de avaliación de coñecementos ou capacidade, polo que debería ser resolto mediante unha proba de coñecementos. Este feito infrinxe o principio de igualdade, implicando unha excesiva arbitrariedade técnica e falta de transparencia por parte do tribunal cualificador do proceso selectivo.

O BNG de Valga solicitará ao goberno municipal que modifique as bases do proceso selectivo pola ausencia de probas obxectivas de coñecementos e que traen como consecuencia a posibilidade de incorrer nunha vulneración do principio de igualdade, sen permitir aos aspirantes demostrar os seus coñecementos en igualdade de condicións, mais tamén porque a entrevista non pode ser o único ou dos principais mecanismos de selección, dado o seu carácter subxectivo.

O BNG de Valga solicita a rectificación das bases do proceso selectivo para a contratación temporal dun traballador ou traballadora social