Soutomaior levará a cabo asfaltados no acceso ao campo de Salgueirón e nos barrios de Lourido e Moreira

Asfaltado municipal realizado en Veigas do Monte en 2024
Asfaltado municipal realizado en Veigas do Monte en 2024
Soutomaior levará a cabo asfaltados no acceso ao campo de Salgueirón e nos barrios de Lourido e Moreira

Soutomaior, 13 de febreiro de 2025. Nas vindeiras semanas está previsto que comecen os traballos de asfaltado no acceso ao campo de fútbol de Salgueirón, en Arcade, e nos barrios de Lourido e Moreira, na zona de Ouxil. Así o anunciou o Goberno de Soutomaior, quen dá un novo paso no plan de asfaltados nas vías de titularidade municipal impulsado en 2024. Precisamente a finais do ano pasado foi cando se realizou o proceso de licitación deste triplo asfaltado, cun investimento aproximado de 70.000 euros. Agora, a falta de pequenos flecos para que se adxudique a actuación, está previsto que moi pronto se inicien os traballos.

Os asfaltados no campo de Salgueirón e nos barrios de Lourido e Moreira sumaranse así aos xa realizados durante o pasado ano no barrio da Feira, nas rúas de Cochón e da Lavandeira, ou na estrada que conecta o barrio de Moreira co Viso, en Redondela, entre outros. Ademais, tamén está previsto que nas vindeiras datas se inicie o asfaltado e mellora da estrada que conecta os barrios de Romariz e Comboa; e o Goberno de Soutomaior vén de anunciar que levará a cabo o arranxo da estrada principal do Val-Sobral. Unha actuación que tamén leva aparellada a reurbanización e humanización deste núcleo rural.

Ao tempo que se leven a cabo os asfaltados, o Goberno de Soutomaior aproveitará estas actuacións para levar a cabo a limpeza de cunetas e o desatascamento das tubaxes que pasan por debaixo de cada unha das estradas que se arranxen, levando así a cabo un mantemento do sistema de pluviais.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que cos asfaltados no campo de Salgueirón nos dous barrios mencionados subsanaranse de maneira completa os numerosos desperfectos que desde hai anos presentan estas vías. Sobre o plan de asfaltados nas estradas de titularidade municipal, sinalou que o obxectivo é “mellorar pouco a pouco as estradas e vías municipais e polas que cada día circulan centos de veciños e veciñas. Trátase dunha actuación integral nos barrios de Soutomaior que se desenvolverá en varias fases, co obxectivo de ir chegando pouco a pouco a todos os puntos do concello”.

“No Goberno de Soutomaior estamos convencidos que o rural ten dereito a contar cunhas vías que lles permitan desenvolver o seu día a día nas mellores condicións. No canto de realizar simples bacheados, estamos a realizar un importante esforzo para facer asfaltados completos e que os nosos veciños e veciñas conten cunhas estradas municipais que lles permitan desprazarse sen dificultades para traballar, desfrutar do seu tempo libre e que dean acceso a servizos básicos esenciais”, concluíu Manu Lourenzo.

Soutomaior levará a cabo asfaltados no acceso ao campo de Salgueirón e nos barrios de Lourido e Moreira