Empezan as obras de instalación de paneis fotovoltaicos na piscina municipal de Caldas
![Manuel Fariña](/asset/thumbnail,992,558,center,center/media/bngpontevedra/images/2024/11/28/2024112811580657647.jpg)
Caldas, 23 de febreiro de 2025. A piscina municipal de Caldas estará a en obras para instalar paneis fotovoltaicos que permitirán autoabastecer de enerxía o equipamento deportivo. O tenente de alcalde Manuel Fariña destaca que o novo sistema de instalacións solares permitirá un aforro enerxético mínimo do 30% con respecto ao actual consumo, o que suporá un importante descenso nas facturas para as arcas locais.
Fariña explica que os módulos fotovoltaicos instalaranse na cuberta do edificio do pavillón, que nos seus 800 metros cadrados dispoñibles ten dúas zonas sen sombras con orientacións este e oeste e unha inclinación de 5%. En total, crearase un campo de 40 paneis de 550wp cada un e un inversión de 20.000 W que producirán máis de 23.200 kilowatios hora por ano. O sistema disporá dun xestor intelixente que permitirá a máxima utilización da enerxía fotovoltaica de forma eficiente, para o que medirá todos os datos relativos á produción e ao consumo e creará recomendacións de uso personalizadas, coordinando o funcionamento cos equipos eléctricos da piscina e do pavillón.
Ademais, a piscina disporá dunha pantalla que informará sobre a xeración eléctrica en tempo real visible para as persoas que visiten o edificio. Disporá tamén dun sitio web de consulta pública que deberá facilitar a información de produción eléctrica en tempo real e datos históricos da instalación.
O tenente de alcalde Manuel Fariña anuncia que o novo sistema de xeración de enerxía será máis sustentable e permitirá un aforro mínimo do 30% con respecto ao consumo actual
O tenente de alcalde Manuel Fariña destaca que a aposta do Concello por enerxías renovables débese á conciencia sobre a necesidade dunha maior sustentabilidade. “Temos claro que hai que ser responsables, sensatos e tamén dar exemplo. Xerar a nosa propia electricidade para autoconsumo con renovables, aínda que non permita cubrir todas as necesidades da piscina, é un chanzo para contribuír a un medio ambiente máis limpo” destaca o nacionalista, subliñando que ademais permite reducir significativamente os custos de enerxía e destinar eses recursos a outros gastos importantes.
A instalación dos paneis finánciase grazas ao proxecto presentado no IDAE polo anterior goberno da Deputación en 2022 para conseguir fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, dentro do Programa de axudas a proxectos singulares locais de enerxía limpa en municipios do reto demográfico (Programa DUS 5000). Esta iniciativa pretende a mellora enerxética en edificios, o fomento de inversións verdes e, en particular, o autoconsumo.