Lores asina a acta da cesión do tramo da N-550 e anuncia un proxecto técnico para estudar as melloras a realizar neste trazado

Lores asina a acta da cesión do tramo da N-550 e anuncia un proxecto técnico para estudar as melloras a realizar neste trazado

Pontevedra, 13 de de febreiro de 2025. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, deu conta da sinatura da acta de cesión por parte do Ministerio dun tramo da estrada da N-550 ao Concello de Pontevedra. 

Como xa é sabido, o treito en cuestión vai desde a rotonda da avenida de Compostela até a conexión coa PO-225 á altura de Touceda, en Alba (oficialmente, entre os PP.KK. 115+200 e 118+420). A lonxitude deste treito é de 3.220 metros, cunha superficie estimada de 114.087 m2. 

A cesión deste treito de estrada abre a porta a avanzar en tres eixos fundamentais: a construción da variante de Alba, a mellora de seguridade viaria en todo este trazado e a integración urbana desta vía, sobre todo, na parte correspondente ao barrio do Burgo. 

Fernández Lores explicou que será encargado un proxecto técnico para estudar as distintas melloras que se poden realizar nesta estrada, tales como a integración da avenida de Compostela ou o calmado de tráfico. O alcalde lembrou que este será un proceso “lento”, que se realizará “aos poucos”, priorizando aquelas actuacións que se consideren máis urxentes. 

Adxudicación da mellora da iluminación da parroquia de Lérez e do barrio do Burgo 

Doutra banda, o rexedor pontevedrés informou da adxudicación á empresa SETGA da mellora do alumeado pública na parroquia de Lérez e no barrio do Burgo (xunto con outras zonas próximas como o campus universitario). 

Serán instaladas 1.397 luminarias LED nesta zona norte da cidade, incluíndo prazas como a de Pasarón e rúas como Juan Bautista Andrade e Médico Ballina. O proxecto foi adxudicado por 1.357.087 euros e ao igual que en actuacións semellantes noutros espazos e barrios da cidade, reducirá de xeito drástico a contaminación lumínica, o consumo eléctrico e mellorará a eficiencia enerxética, diminuíndo, ademais, a pegada de carbono. 

Grazas a esta nova actuación, o 75 % da cidade contará xa con iluminación LED. Quedarían pendentes as parroquias de Tomeza e Salcedo, así como parte da zona leste da cidade e do casco histórico. 

Lores asina a acta da cesión do tramo da N-550 e anuncia un proxecto técnico para estudar as melloras a realizar neste trazado