Daniel Martín substituirá a Natalia Camiña como portavoz municipal do BNG
![Natalia Camiña e Daniel Martín](/asset/thumbnail,992,558,center,center/media/bngpontevedra/images/2025/02/11/2025021112075063733.jpg)
Cuntis, 10 de febreiro de 2025. A actual portavoz municipal do BNG, Natalia Camiña, vén de presentar, por motivos persoais e laborais, a súa renuncia como concelleira, para que sexa incluída no vindeiro pleno da corporación municipal.
Natalia Camiña, química de profesión, ten actualmente o seu traballo nun concello da Coruña que a obriga a vivir fóra de Cuntis e, ao mesmo tempo, está a estudar un mestrado e preparando oposicións, o que fai imposíbel atender as obrigas de concelleira coa dedicación necesaria.
A Asemblea Local do BNG entendeu perfectamente os motivos da súa renuncia e trasladoulle “o agradecemento inmenso da militancia de Cuntis” polo seu traballo e o seu compromiso con Cuntis, co país e co BNG.
![Daniel Martín](/media/bngpontevedra/images/2025/02/10/2025021017131274238.jpg)
“Natalia continuará traballando por Cuntis e é para nós unha honra que continúe a formar parte do Consello Local, aportando a súa experiencia e a súa intelixencia para facer un concello mellor”, afirmou a responsábel local do BNG, Dores Chedas.
O seu substituto será Daniel Martín Vidal, veciño de San Ildefonso (Troáns) e funcionario do Ministerio de Interior, que volveu a agradecer todo o traballo levado a cabo por Natalia e comprometeuse a traballar man a man “con todos os veciños e veciñas para lograr un Cuntis sexa quen de aproveitar mellor os seus recursos e lograr unha mellor calidade de vida para todas e todos”