APROBADO POR UNANIMIDADE

O Pavillón de Carballedo pasará a denominarse “Xose Luis Bouzas Ambroa, O Rubio”

'O Rubio' xunto co ilustrador Victor Rivas nun xantar do BNG no que se agasallou unha lámina de Victor Rivas en recoñecemento a toda a súa traxectoria
'O Rubio' xunto co ilustrador Victor Rivas nun xantar do BNG no que se agasallou unha lámina de Victor Rivas en recoñecemento a toda a súa traxectoria
O Pavillón de Carballedo pasará a denominarse “Xose Luis Bouzas Ambroa, O Rubio”

Cerdedo-Cotobade, 10 de febreiro de 2025. O Pleno do concello de Cerdedo-Cotobade aprobou por unanimidade a moción do BNG que reclamaba que o pavillón de Carballedo pasase a denominarse “Xosé Luís Bouzas Ambroa, O Rubio”, en recoñecemento ao papel tanto promoción do deporte, como da igualdade entre homes e mulleres. 

O Concello, tal e como figuraba na moción aprobada comprométese a organizar unhas xornadas deportivas e divulgadoras do traballo e da fonda pegada que deixou o noso veciño na historia local.

Pior sorte correu a moción urxente pola que se pedía a mellora das redes de abastecemento eléctrico, despois das constantes e reiteradas caídas que padece o noso concello, e que en datas recentes mesmo deixou sen electricidade nin calefacción á escola infantil.

Neste punto o PP votou en contra de reclamarlle á empresa distribuidora a mellora das instalacións e subministro eléctrico ao CEIP e á escola infantil de Tenorio, así como de realizar un estudo sobre as necesidades de mellora das infraestruturas de subministración eléctrica, identificar as principais carencias da rede e demandar da compañía distribuidora a mellora das infraestruturas de abastecemento, de xeito que se eviten os contínuos cortes de luz que se producen en Cerdedo-Cotobade.

A terceira moción presentada por urxencia polo BNG facía referencia ao rexeitamento do macrocomplexo industrial contaminante de Altri, non foi sequera debatida polo pleno ao negarse o alcalde a aprobar a urxencia, nunha clara actitude de obediencia submisa aos ditados do PP que, desde a Xunta, en vez de exercer de goberno galego está facendo de axente comercial de Altri, mesmo con cambios na normativa do solo, ambiental ou de ordenación do territorio feitas a medida dun proxecto empresarial que é unha verdadeira bomba no corazón de Galiza

O Pavillón de Carballedo pasará a denominarse “Xose Luis Bouzas Ambroa, O Rubio”