A SEÑORA PEPA DARÁ NOME AO NOVO VIARIO ENTRE LUÍS BRAILLE E PINTOR URBANO LUGRÍS

Pontevedra continúa coa feminización do seu rueiro

Rúa Señora Pepa
Rúa Señora Pepa
Pontevedra continúa coa feminización do seu rueiro

Pontevedra, 11 de febreiro de 2025. O novo viario que une Luís Braille con Santa Lucía, A Corva, e Pintor Urbano Lugrís inicia o seu camiño para levar o nome dunha muller, a Señora Pepa. Josefa Vázquez Juncal. O Concello de Pontevedra recolle así a proposta da Asociación Veciñal Salcedo Norte para homenaxear a unha veciña amplamente coñecida na contorna, pola súa relación coa histórica fábrica de ferramentas asentada no barrio, de nome ‘O Ferreiro do Pino’. 

Tal e como explican desde o colectivo, a Señora Pepa “tivo un pequeno taller de costura, no baixo da súa casa, amais de vender polas feiras e mercados as ferramentas da fábrica familiar transportándoas nun carro de cabalos”. Ademais, con base na cultura e memoria popular, a bandeira da Sociedade de Agricultores de Salcedo, deseñada por Castelao, foi bordada por Josefa Vázquez Juncal. “Bordouna fío a fío, puntada a puntada entre bágoas de dor, no silencio interminábel da casa, o símbolo definitivo da resistencia, da dignidade e do compromiso dunha familia que nunca esqueceu, que permaneceu sempre en pé e que segue mantendo acesa a chama da memoria de todas as persoas que loitaron pola liberdade”. 

bandeira sociedade agraria salcedo
bandeira sociedade agraria salcedo

A bandeira foi agochada nunha casa da parroquia de Salcedo, espazo no que permaneceu 64 anos. No ano 2000 foi entregada por Arturo Estévez ao Concello de Pontevedra e depositada no arquivo municipal. 

Muller afable e loitadora incansábel, a Señora Pepa traballou arreo para sacar á súa familia adiante. Tivo once fillos. O seu primoxénito, Edelmiro, dirixente do Partido Socialista, foi torturado e asasinado en Bora en 1936. As súas fillas Fina e Tucha foron apartadas da docencia, rapadas e encarceradas durante dous meses. O seu home, Antonio Dios, estivo preso durante cinco meses. A dor de perder o fillo, o peso da ausencia, a agonía daquela morte cruel e inxusta ademais das multas, intervención na empresa da familia, o acoso ou a persecución do réxime definiu boa parte da súa vida. 

Desde o Concello de Pontevedra lémbrase que a feminización do rueiro, xunto coa recuperación da toponimia tradicional, son a base fundamental á hora de nomear ou renomear as rúas da cidade. No referido ao primeiro argumento, xa no 2019 María Vinyals i Ferrer, Ernestina Otero, Dolores Trabado e Vasquida García, fixeron que o rueiro da cidade fose “un pouco máis feminista”, tal e como se declarou en pleno. 

Pontevedra continúa coa feminización do seu rueiro