IMPÓN UNHA MULTA DE 1.500 EUROS AO CONCELLO
Augas de Galicia multa o concello malia recoñecer que o escenario acuático no río polas festas de Caldas non supuxo “dano ningún” ao Umia
![](/asset/thumbnail,992,558,center,center/media/bngpontevedra/images/2025/02/11/2025021112415679681.jpg)
Caldas de Reis, 11 de febreiro de 2025. O Concello de Caldas de Reis vén de recibir a comunicación oficial dunha sanción de Augas de Galicia por importe de 1.500 euros por ter instalado o escenario acuático no río para celebrar as Festas de Verán 2024. A sanción foi ratificada, denuncia o goberno local, a pesares de que o propio departamento autonómico recoñece nun informe técnico que o palco non supuxo “dano ningún” sobre o dominio hidráulico nin na vexetación asociada ao leito, xa que foi retirado inmediatamente despois do seu uso deixando o lugar tal e como estaba anteriormente.
O tenente de alcalde Manuel Fariña explica que a proposta de resolución do expediente cualifica a infracción do Concello como “leve” e sanciónaa con 1.500 euros. Ao entender do nacionalista esa contía pon de manifesto a “debilidade” da negativa de Augas de Galicia en contra do escenario e apoia a tese municipal de que a estrutura debería ter sido autorizada.
Insiste o tenente de alcalde que o goberno local solicitou a autorización en tempo e forma (no mes de abril, catro meses antes das festas) e denegóuselle o permiso apenas días antes dos festexos, cando xa estaba organizada toda a programación e sen marxe de manobra.
Lembra Fariña que o Concello cumpriu escrupulosamente con todos os requirimentos do departamento autonómico, entregando en tempo e forma toda a documentación solicitada, así como unha declaración responsable sobre o bo uso do dominio hidráulico. Ante a negativa de Augas de Galicia o Concello tamén presentou un recurso de alzada, mais aínda hoxe, seis meses despois das festas e coa sanción firme sobre a mesa, non hai resolución definitiva por parte do órgano competente á petición municipal.
Manuel Fariña critica que o recurso de alzada presentado polo goberno local para conseguir a autorización sigue aínda “en tramitación"
O propio expediente da sanción, subliña Fariña, destaca que a inspección da Gardería Fluvial do lugar onde se instalou o palco pon de manifesto que “non se observan danos sobre o dominio público hidráulico nin na vexetación asociada ao leito”.
“O argumento de que instalar o palco supoñía perigos para as persoas e que iamos danar a ribeira e o río, tal e como dicía o Partido Popular de Caldas, caeu polo seu propio peso segundo os propios informes técnicos da Xunta”, sostén Fariña, quen destaca que a propia resolución de sanción vén confirmar que os motivos para denegar o palco, que nunca foron realmente postos de manifesto, “foron puramente políticos”: “Á vista está que non se atiñan a criterios de sustentabilidade e coidado do Umia”.
Fariña destaca que o persoal do Concello caldense sempre defendeu que o escenario do río era unha estrutura sen suficiente entidade técnica para ser considerada unha edificación ou construción, xa que era de carácter temporal, sen vocación de permanencia, como os embarcadoiros ou as plataformas deportivas que se instalan para competicións. Non autorizar iso, subliñaban os técnicos municipais, sería levar “a unha prohibición absoluta calquera instalación”.
O tenente de alcalde Manuel Fariña subliña que o goberno de Caldas considera o escenario acuático do río un “símbolo para todas e todos os veciños”, e destaca que sempre vai cumprir a normativa vixente e coidar e rexenerar o río, para o que leva solicitando máis fondos autonómicos ano tras ano.
“Dende o Concello consideramos o Umia o centro da nosa vila. E imos ir polo libro, cumprindo todo o que esixe a lei para actuar nel, pero non é de recibo non dar permiso para o palco sen motivos. É necesario deixar a un lado o partidismo e a busca de réditos políticos, intentando tombar as iniciativas do goberno local. A multa está baseada en que se puxo o palco sen permiso. E, por qué Augas de Galicia non deu o permiso? Cales son os motivos? Pois seguimos sen sabelo porque eles mesmos din que non houbo danos”, insiste o nacionalista.