Soutomaior investirá 170.000 euros para a reurbanización, mellora e humanización do Val-Sobral

Manu Lourenzo e Diego Moreira no Val-Sobral
Manu Lourenzo e Diego Moreira no Val-Sobral
Soutomaior investirá 170.000 euros para a reurbanización, mellora e humanización do Val-Sobral

Soutomaior, 10 de febreiro de 2025. O Goberno de Soutomaior dá un novo paso no proceso de transformación da parroquia de Soutomaior e investirá 170.000 euros para levar a cabo a reurbanización, mellora e humanización do Val-Sobral. En concreto, a actuación consistirá no asfaltado e adecuación dun treito de estrada de case 800 metros, que van desde a zona da Chan, no Sobral, ata o límite da Chan de Moreira, no acceso ao barrio de Lourido. 

Ademais do arranxo e asfaltado da estrada, o proxecto tamén contempla o acondicionamento de tres núcleos ao longo do treito da actuación. Trátase de tres zonas que actualmente funcionan como punto de encontro para os veciños e veciñas do barrio e nas que o Goberno de Soutomaior actuará para a súa conversión en pequenas prazas. Así, converteranse en espazos máis amables e humanizados para a veciñanza, con tráfico calmado integradas co ámbito arquitectónico de cada unha das tres zonas. 

Esta importante actuación súmase a outras que o Goberno local realizou xa na parroquia de Soutomaior desde o comezo de mandato e que ten previsto realizar nos vindeiros meses. Así, o Goberno de Soutomaior construíu xa na Pedreira o primeiro núcleo de centralidade da parroquia, unha gran praza na contorna da Casa do Pobo; e presentou o proxecto para a creación doutro núcleo de centralidade na contorna da Casa do Concello. O Goberno tamén avanzará nas vindeiras semanas co seu plan de asfaltados en Romariz, Lourido, Moreira, Salgueirón... entre outros. 

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que “con esta actuación daremos solución a varias das deficiencias que presenta desde hai anos o Val-Sobral, como pode ser o mal estado xeneralizado da estrada principal e as dificultades de acceso en varios puntos. Ademais, coa creación das tres pequenas prazas, poremos o barrio do Val-Sobral á altura do que merece a súa veciñanza”. 

O alcalde sinalou que “ao comezo de mandato o Goberno de Soutomaior estableceu desde o comezo de mandato como obxectivo estratéxico centrar os esforzos na consecución de subvencións para realizar a cabo a transformación de Soutomaior. Isto, sumado á boa saúde económica na que se atopa actualmente Soutomaior, tal e como apuntan os datos de intervención e tesourería do concello, referendan o modelo de xestión do Goberno local ao tempo que se realizan máis obras e actuacións urbanísticas das que nunca se realizaron na historia de Soutomaior”.

Soutomaior investirá 170.000 euros para a reurbanización, mellora e humanización do Val-Sobral