O Concello volve a ampliar un novo estacionamento en Monte Porreiro e constrúe unha plataforma única na rúa Grecia
![Rúa Grecia ampliacion estacionamento](/asset/thumbnail,992,558,center,center/media/bngpontevedra/images/2025/02/10/2025021011460896783.jpg)
Pontevedra, 10 de febreiro de 2025. O Concello de Pontevedra continúa a mellorar o barrio de Monte Porreiro da man da veciñanza, tal e como se acordou no encontro mantido entre o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e os representantes veciñais a principios deste mandato. Nesta ocasión, o concelleiro responsable do barrio, Alberto Oubiña acordou coa asociación O Mirador mellorar e reordenar o estacionamento da parte alta das vivendas e establecementos da rúa Grecia para garantir a seguranza dos peóns.
As obras que executa o departamento de Servizos urbanos básicos, consisten en ampliar a zona de estacionamento detrás do número 9 da rúa Alemaña (ao aparcamento accédese dende Grecia) así como crear unha plataforma única uns metros máis abaixo fronte á cafetería Don Manuel.
![Rúa Grecia plataforma unica zona Don Manuel](/media/bngpontevedra/images/2025/02/10/2025021011432765191.jpg)
O acceso a esta cafetería e aos edificios situados na zona era bastante difícil. A parcela era unha bolsa de estacionamento que en ocasións complicaba a entrada aos edificios polo que se acordou crear unha plataforma única de formigón varrido,. Coa obra rematada, o acceso estará limitado á veciñanza e aos servizos dos establecementos.
Para suplir a eliminación deste estacionamento, o Concello vén de ampliar a zona de aparcamento na parcela estremeira, uns metros máis arriba. A conta dun terreo municipal na actualidade sen uso, arranxou e ampliou as beirarrúas para que a veciñanza dos edificios poidan deambular sen perigo e garantindo a accesibilidade e ampliou o espazo de estacionamento. Ademais, instalou un muro de contención que salva a diferencia de cota entre as dúas parcelas.
Alberto Oubiña acordou coa asociación de veciños mellorar seguranza peonil e a accesibilidade aos edificios da parte alta da rúa Grecia
Coa ampliación deste novo estacionamento, xa é o terceiro no que actúa o goberno municipal dende hai un ano. O primeiro foi entre as rúas Alemaña e Eirín, cunha actuación branda, e o segundo na rúa Portugal no que se aproveitou para canalizar un manancial que nacía na parcela. Os estacionamentos atópanse a uns 200 metros da rúa Alemaña, a arteira principal do barrio, polo que resulta moi útil para os desprazamentos a motor e logo gozar do barrio camiñando.