A loita contra o cambio climático, a mellora da calidade de vida, o sostemento do espazo público e a promoción da cidade, eixos dos orzamentos de Pontevedra para 2025.

A loita contra o cambio climático, a mellora da calidade de vida, o sostemento do espazo público e a promoción da cidade, eixos dos orzamentos de Pontevedra para 2025.

Pontevedra, 10 de febreiro de 2025. O proxecto de Orzamentos de 2025 supera os 98,6 millóns de euros e supón o incremento de máis de 3,4 millóns ao respecto de 2024. Un orzamento que nace con novos azos e con moitas expectativas. Reafirma a boa saúde das contas municipais que continúan a crecer sen ter que incrementar taxas e impostos: unha decisión prorrogada dende 2014, é dicir, van alá once anos sen actualizar tan sequera o IPC. Na práctica supón deixar arredor de 2 millóns de euros nos petos dos pontevedreses e pontevedresas para afrontar este 2025. 

A débeda está contida nos 7 millóns de euros e o capítulo de investimentos supera os 12,5 millóns. 

A proposta económica do Goberno Local para 2025 plasma eses retos de futuro centrados en catro grandes piares: a loita contra o cambio climático, a mellora da calidade de vida, o sostemento do espazo público e a promoción da cidade. 

A loita contra o cambio climático 

No BNG temos claro que chegou o momento da aposta definitiva polo futuro verde de Pontevedra. Levamos tempo traballando por minorar a nosa pegada no planeta, por mellorar a calidade ambiental tanto na cidade como no rural concienciando á veciñanza para que participe activamente nas iniciativas ambientais municipais, que tan ben recibidas son. 

En todos estes anos Pontevedra avanzou moito. A implantación da compostaxe, a recuperación e ampliación do pulmón verde na contorna urbana (parques forestais), a canalización das augas residuais das vivendas do rural, o control de perdas de auga no sistema de abastecemento público ou o propio modelo de cidade coa redución de vehículos nas zonas residenciais (tanto da cidade como dos núcleos rurais) son unha firme decisión pola mellora ambiental de Pontevedra. 

“Pero o futuro verde non é simplemente ‘ser máis verdes’, senón que ten que supoñer un cambio de mentalidade, un cambio de paradigma buscando o equilibrio e a lóxica da sustentabilidade. Este obxectivo, que é irrenunciable para o Concello, obrigaranos a unha reestruturación dos servizos municipais e, por extensión, a repensar as nosas prácticas diarias como veciños e veciñas de Pontevedra”, afirmou Lores. 

O proxecto económico de 2025 recolle ese cambio de paradigma que porá a Pontevedra, definitivamente, nesta senda. De feito, este ámbito de traballo é o que concentra maiores esforzos económicos e de xestión no Goberno Local. 

O tratamento dos residuos, a renaturalización do río dos Gafos, a recuperación da Xunqueira da Gándara, a recuperación da fachada marítima completando o paseo a Marín, a mellora da eficiencia enerxética na iluminación pública, o estudo e solucións dos problemas hidráulicos do regato de Valdecorvos ou a instalación de sensores ambientais na cidade son políticas decididas e proxectos en distintas fases (en estudo, en contratación ou en execución) que poderemos ver materializados a partir deste ano. 

“No Concello de Pontevedra temos declarado o 2025 como o ano da reciclaxe. Queremos dar un gran salto adiante na xestión dos residuos: previndo, reutilizando e reciclando. Queremos achegarnos aos obxectivos que marcan as leis sectoriais e as directivas europeas, é dicir, a redución progresiva dos residuos conseguindo en 2025 un 15% menos que os xerados en 2010 e o incremento progresivo da reutilización e reciclaxe do papel, vidro, metais, plástico... tratando de reciclar o 55% no presente ano”, en palabras do alcalde de Pontevedra. 

Este mes de xaneiro entrou en vigor a nova Ordenanza de xestión dos residuos de competencia municipal que recolle que os residuos son responsabilidade daquel que os produce e impón a obrigatoriedade da separación. É o noso deber deixar un planeta mellor para os nosos fillos e os nosos netos e netas, e debemos ser conscientes de que os residuos sen separar son unha bomba de reloxería. Baixo esa filosofía aprobamos por unanimidade esta ordenanza que senta as bases das accións que poremos en marcha este ano. 

Por outro lado, estamos impulsando a elaboración da nova ordenanza fiscal que desenvolverá economicamente a Ordenanza de residuos e que busca a equidade no pago. Agardo que esta nova norma se nutra coas achegas de todos os grupos políticos municipais e tamén conte co apoio de todos eles, tal e como aprobamos a anterior. 

Para acadar o obxectivo do 55% de reciclaxe das distintas fraccións, temos en marcha a licitación dun contrato de 321.000 euros (por tres anos) para a recollida de información bidireccional sobre a xestión dos residuos comerciais (os denominados grandes produtores: establecementos comerciais, restauración, equipamentos educativos, sanitarios...). Os datos permitiranos coñecer a cantidade e o tipo de residuos que producen e informalos e axudalos no proceso do seu tratamento e xestión. 

Paralelamente, estase a planificar a creación dunha inspección específica que actúe de xeito sistemático partindo dos datos que nos ofreza o traballo previo de recollida de información. 

E completarase todo este proceso coa ampliación da compostaxe tanto individual como colectiva. 

Ademais, “teño grandes esperanzas no novo contrato de xestión de residuos e limpeza viaria que está en pleno proceso de contratación. Terá un custe inicial de 256.165.740 euros por 20 anos e será unha ferramenta moi importante para lograr o obxectivo de reciclaxe que nos propoñemos. Está previsto incrementar o número de colectores de fracción, ampliar as diferentes modalidades de compostaxe e crear puntos limpos de retirada de obxectos e substancias contaminantes, entre outras medidas”. 

Así mesmo, o novo servizo de limpeza viaria contribuirá, sen dúbida algunha, a mellorar a imaxe da cidade ao realizar con maior intensidade e frecuencia distintos tipos de limpezas tanto no centro, como en barrios e nos espazos de centralidade rural. 

Un dos proxectos máis apaixonantes que temos en marcha e que contribúe decididamente a loitar contra o cambio climático é a renaturalización do treito urbano do río dos Gafos. Financiado en parte polos fondos europeos Next Generation, con esta iniciativa buscamos descubrir o río no treito entre Alcalde Hevia e Xeneral Rubín seguindo as pautas dunha renaturalización, é dicir, a auga do río ten que estar en contacto co aire, en contacto coa terra e permitir a permeabilización da capa freática. Isto suporá retirar as tapas de formigón da canle na parte superior e inferior, e rebaixar os muros contentores para que creza a vexetación ao seu arredor. 

A empresa Calco está a elaborar o proxecto de execución que debe entregar no primeiro trimestre deste ano. O investimento final virá dado nese proxecto, pero xa temos unha reserva de máis de 3,3 millóns de euros, parte deles procedentes dos fondos europeos. O obxectivo do Goberno Local é facer unha obra nunha única fase que poida iniciarse este mesmo ano. 

A este tramo súmase á mellora da canle na rúa Tablada que se abriu á veciñanza a primeiros de 2024 e que pretendemos continuar dende Rosalía de Castro cara a desembocadura, na avenida das Corvaceiras. De fei- to, contemplamos a contratación dun estudo de todo ese ámbito para coñecer mellor o terreo e ver as súas posibilidades, ampliando os espazos de lecer e deporte do Gafos que a diario empregan ducias de persoas. 

Co mesmo propósito da loita contra o cambio climático incorporamos a este orzamento o segundo gran contrato de renovación da iluminación pública no casco urbano. 

Pontevedra é un exemplo de eficiencia enerxética e de loita contra a contaminación lumínica se temos en conta o investimento que leva realizado o Concello na renovación o alumeado público nos últimos anos. Está practicamente completa nas parroquias do rural, onde a gran maioría das vías de competencia municipal teñen cambiada a iluminación a led. Tamén están renovados os barrios de Monte Porreiro e da Seca e queda pendente parte da parroquia de Lérez e o barrio do Burgo, que xa contan cun contrato de 1.396.662,33 euros en pleno proceso de licitación. 

En 2024 substituíronse a led todas as luminarias da zona sur da cidade, dende a avenida de Marín, Rosalía de Castro, María Victoria Moreno, avenida de Vigo até a Moureira, Raíña Victoria e Campolongo. 

A segunda fase deste proxecto comprende toda a zona leste. Trátase dun novo investimento que superará os dous millóns de euros, se licitará nese ano e terá unha execución plurianual. 

Un proxecto que nos axuda a testar a evolución dese cambio climático na cidade é a instalación dos sensores ambientais. Está financiado polos fondos europeos Next Generation e ten un custe de máis de 1,5 millóns. Os sensores xa están instalados no cinto de beiramar e deles comezan a achegar os primeiros datos, aínda que o proxecto está en plena execución coa instalación de pantallas e cámaras que permitirán reordenar o tráfico cando sexa necesario para evitar zonas excesivamente cargadas. 

Outra liña central do Goberno Local para ampliar o pulmón verde da cidade e abundar na restauración ambiental dos espazos naturais é a recuperación da Xunqueira da Gándara. Xa temos liberada a entrada dende Domingo Fontán grazas ao acordo coa Deputación que retirou o parque de maquinaria e a imprenta. E seguimos adiante co proceso de liberación, mantendo conversas tanto coa Xunta de Galiza para o traslado das dependencias da Consellería de Medio Rural e da Axencia galega de Infraestruturas que ocupan sendas parcelas, así como coa Dirección Xeral de Tráfico para que traslade o centro de exames a dúas parcelas de 13.000 metros cadrados que lle cede o Concello no Polígono do Campiño. 

Polo de agora todas as administracións son receptivas ao cambio, pero neste 2025 os avances teñen que materializarse en acordos e, de ser posible, temos que empezar a ver como se van incorporando as parcelas ao ENIL. 

Outro dos proxecto que estamos estudando é a situación do regato de Valdecorvos porque en momentos de intensa chuvia e coincidindo coa preamar, desbórdase e asolaga a rúa Fernando Olmedo. Sobre a mesa temos varias alternativas para tratar de paliar este problema histórico. A principal é a creación dunha infraestrutura hidráulica similar a unha presa á altura do parque de Valdecorvos que en caso de fortes chuvascos se poida pechar e permita graduar a cantidade de auga que baixe polo regato. 

Mentres concretamos a solución e elaboramos o proxecto, xa buscamos a financiamento. Decidimos incorporalo á nova nova liña de subvencións europeas a través dos fondos Feder no marco da recente convocatoria da EDIL (Estratexia de Desenvolvemento Integrado Local) que se centra no desenvolvemento social, económico e ambiental integrado e inclusivo, a cultura, o patrimonio natural, o turismo sostible e a seguridade nas zonas urbanas e urbano-rurais 

Tamén debemos incluír neste capítulo de sustentabilidade e loita conta o cambio climático a recuperación da fachada litoral da cidade completando o paseo a Marín que permitirá unir Mollavao co Cabo, en Lourizán. 

“O secretario de Estado de Transporte trasladoume recentemente que o Ministerio estuda distintas alternativas para rematar o paseo e, ao tempo, evitar que as crecidas da marea invadan a autovía e impidan o seu tránsito. Transmitinlle que para o Goberno Local é prioritario acabar esta obra xa que é unha demanda moi sentida pola veciñanza de Pontevedra que a diario emprega esta ruta de esparexemento”, afirmou Lores. 

Máis calidade de vida 

A calidade de vida volve a ter protagonismo nos orzamentos de 2025 porque é o sinal de identidade do Goberno Local. É coñecido o noso empeño de trasladar os mesmos estándares a todos os ámbitos do concello, ben sexa no centro urbano, nos barrios ou no rural. Por iso este ano damos continuidade a proxectos iniciados, reservamos consignación para os xa licitados e fixamos prioridades para os que temos en carteira que previsiblemente arrancarán nos vindeiros meses. 

Sen dúbida a actuación de maior envergadura será o novo parque da Parda. Trátase dunha parcela de 33.000 metros cadrados situada entre os xulgados e a estación do tren que se transformará no parque urbano máis grande da cidade e permitirá conectar a senda rural do río dos Gafos co entramado urbano. Esta incríbel parcela acollerá zonas de descanso, de sombra, de deporte ao aire libre, espazos infantís, espazos de estacionamento con máis de 200 prazas, a canalización dun olleiro de auga natural que nace nos terreos e unha pradaría que no futuro acollerá o novo pavillón municipal da cidade. 

O parque da Parda xa está adxudicado cun orzamento de 5.317.603,19 euros millóns de euros e as súas obras comezarán nas vindeiras semanas, para que sexa unha realidade no prazo duns dous anos. Está financiado con cargo a fondos propios, pero temos tomada a decisión de incluílo dentro da actual convocatoria da EDIL dos fondos europeos Feder. 

En proceso de contratación atópase o acondicionamento da pasarela sobre a vía do tren na rúa Doce de novembro, tamén no barrio da Parda, cun orzamento de licitación de 710.972,02 euros. Trátase dun proxecto en carteira dende hai uns anos que permitirá completar a cidade, ampliar os espazos de lecer, descanso e encontro do barrio e, sobre todo, mellorar os circuítos peonís procedentes da rúa das Hortas, de Eduardo Pondal, Doce de novembro, Estrada ou Loureiro Crespo que se ven interrompidos polo peche da parcela. 

E a Parda tamén é o barrio protagonista da última adquisición patrimonial do Concello. Co apoio de todos os grupos políticos municipais, vimos de presentar unha oferta de 1,2 millóns de euros pola antiga parcela de Fenosa, situada ao carón do cemiterio de San Amaro, na rúa Campo Santo. Trátase dunha finca de 17.534 metros cadrados con tres edificios construídos (o maior ten unha superficie de 2.715 metros cadrados). 

Logo da compra realizaremos un estudo sobre as necesidades de acondicionamento os seus usos, aínda que algúns deles xa están definidos como o traslado do guindastre municipal ou a localización do edificio de emerxencias, ademais doutras posibilidades de almacenamento ou de garaxe para os vehículos antigos dos bombeiros. 

A Parda convértese, polo tanto, nun dos polos centrais do investimento municipal nos vindeiros meses e anos, para converterse nun espazo de referencia da cidade. Nel xa se atopan equipamentos como o conservatorio, o centro de saúde, a gardería e no futuro será a sede do novo edificio da Policía Local. 

Este ano será tamén o da licitación e posible adxudicación da reforma do segundo treito da rúa Rosalía de Castro entre Manuel del Palacio e Mollavao, e da construción do by-pass de Mollavao pola denominada parcela dos circos. Trátase dun investimento global de 3.726.621,23 euros que sufriu moitos atrasos debido á indefinición da Dirección Xeral de Costas, e que se ven de reconducir neste mandato. 

A reforma urbana cambiará a imaxe da rúa e elevará a calidade de vida de toda a veciñanza xa que está previsto a renovación de todos os servizos soterrados ademais dun tratamento en superficie que priorizará a seguridade dos peóns. Para acometer esta urbanización será necesario executar o novo ramal de conexión coa autovía de Marín á altura da chamada parcela dos circos. 

Ao mesmo tempo, desde o goberno municipal xa se está a traballar na redacción dun proxecto para renaturalizar a parcela dos circos e transformala nunha zona verde do barrio. Ademais, existe a posibilidade de que o estacionamento de bordo alí situado se poida trasladar uns metros máis lonxe, cara a parcela de Malvar. 

Tamén Mollavao parece ser o barrio escollido para albergar a futura comisaría da Policía Nacional, aproveitando as instalacións da actual Casa do Mar. 

En definitiva, a transformación que comezará a vivir o barrio de Mollavao en 2025 será das máis ambiciosas que se acometan no presente mandato e das máis cuantiosas dende o punto de vista económico que se teñan feito até o de agora. 

Monte Porreiro será obxecto das axudas europeas da EDIL (Estratexia de Desenvolvemento Integrado Local) que imos solicitar. Temos decidido que dos 20 millóns de euros que presentaremos en proxectos (12 estarían financiados por Europa e o resto polo Concello), máis dez sexan para Monte Porreiro. 

Queremos mellorar os espazos de encontro da veciñanza e darlle á Praza de Europa o protagonismo co que foi concibida, ademais de reurbanizar e cambiar todos os servizos soterrados das rúas Alemaña, Irlanda, Reino Unido e Luxemburgo, que rexistran problemas de roturas con frecuencia. 

Tamén proxectamos a reforma integral da Casa da Cultura xa que é unha das máis empregadas de todo o concello e punto de reunión dos veciños e veciñas. “Somos conscientes dos problemas urxentes que ten polo que iniciaremos con carácter inmediato a redacción do proxecto e adoptaremos solución a problemas perentorios para que as instalacións poidan empregarse con seguridade e confortabilidade”. 

Tamén priorizamos a reforma integral do campo de fútbol-rugby e, finalmente, construiremos en Monte Porreiro o terceiro pavillón de deportes, que ademais de atender á práctica da actividade física e creará unha gran praza en superficie. 

Os proxectos de Monte Porreiro atópanse en distintas fases: algúns están redactados como o do novo pavillón de deportes e outros están fase de elaboración como a reforma da Casa da Cultura, do que xa  existe unha memoria económica. 

Outra liña de traballo que se iniciará este ano é a mellora do barrio de Valdecorvos-A Seca. O Orzamento de 2025 inclúe a elaboración dun estudo do barrio, especialmente ligado á mellora ambiental do parque de Valdecorvos, que permitirá definir as necesidades e liñas de actuación prioritarias e de futuro. 

Dende o Goberno xa temos marcados algúns proxectos que nos permiten ir avanzando nesta liña. Un deles é a intervención hidráulica no regato de Valdecorvos co propósito de controlar as enchentes na desembocadura e os asolagamentos en Fernando Olmedo. Outro é a creación dun espazo de centralidade e encontro no barrio da Seca urbanizando a pasarela do tren -na actualidade totalmente desaproveitada-, e reurbanizando os seus accesos. O obxectivo sería a creación dun espazo de alta calidade integrado no barrio. 

Os proxectos de Valdecorvos-A Seca tamén estarían incluídos dentro da convocatoria dos fondos europeos da EDIL que presentaremos nos próximos meses. Sería unha actuación claramente millonaria cuxa contratación quixeramos iniciar neste 2025. 

Ao respecto das reurbanizacións, “quixera determe na reforma da rúa Santiña que ten un custe de 1.811.898,17 euros e está financiada polos fondos Next Generation. O proxecto está en execución e na súa última fase. Unha vez que remate a canalización das tubaxes para soterrar a liña eléctrica, comezará a colocación de todo o pavimento en superficie e cambiará radicalmente a fisionomía da rúa”. 

Coa rúa Santiña rematamos a recuperación do Camiño de Santiago portugués no casco urbano dándolle a este percorrido a dignidade que se merece e ofrecendo a nosa mellor carta de visita aos arredor de 150.000 peregrinos que atravesan e pernoctan na nosa cidade facendo o Camiño. Ademais, tamén damos solución a unha reiterada petición da veciñanza e avanzamos na mellora do barrio do Burgo que imos facendo por fases. 

En 2025 seguiremos ampliando o modelo de cidade en distintas zonas da cidade, dende Casimiro Gómez, onde se fará unha reforma integral incluídos todos os servizos soterrados que se atopan moi deteriorados á Luís Seoane, que terá un investimento de 500.000 euros para crear unha plataforma única tratando de sortear os desniveis da rúa e rematándoa nunha praza. 

Nestas remodelacións tamén incluímos a rúa Pasantería e a súa praza situada fronte ao antigo edificio de Facenda para continuar coa mellora do centro histórico ou o parque da rúa Serra, situado nas traseiras dos edificios con fachada a esta rúa e á avenida de Bos Aires. Trátase dunha parcela recentemente cedida polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) ao Concello que ten unha superficie duns 800 metros cadrados. Neste ano contrataremos o proxecto de acondicionamento e, de ser posible, o inicio da obra. 

Quixera destacar diversas obras de nova planta ou reformas de equipamentos municipais que arrancaron en 2024 e que está previsto que rematen neste 2025. Neste capítulo está o campo de fútbol de Salcedo, adxudicado, desadxudicado e volto a adxudicar e cuxa última anualidade se atopa nos orzamentos deste ano. O custe final foi de 1.959.886,16 euros aos que hai que engadir 218.000 euros dos accesos que están en proceso de contratación. Agardo que se poña a disposición dos clubs nos vindeiros meses. 

Tamén está en obra o antigo conservatorio de música da rúa Alfonso XIII para transformalo nun Laboratorio de creatividade que dea cabida ás ducias de iniciativas da nacen na cidade e sexa espazo de intercambio de ideas do sector. Conseguimos fondos Next Generation para a súa reforma que está valorada en 1.310.064,97 euros. A obra poderá estar rematada ao longo deste ano ao igual que o edificio administrativo da rúa Churruchaos, tamén en reforma e financiado con fondos europeos para crear unhas oficinas municipais dignas e propias do século XXI, tal e como fixemos en 2024 coa primeira planta de Michelena, 30 ou a propia Casa Consistorial. 

Un dos obxectivos do Goberno Local para este 2025 é sacar a licitación a reforma da nave de piragüismo da Escola de piragüismo Cidade de Pontevedra. No orzamento deste ano contemplamos unha partida de 450.000 euros que nos permitirá acometer a redacción do proxecto e iniciar o proceso de contratación. 

Pendente do gran pavillón municipal da Parda -que leva unha tramitación administrativa moito máis longa e complexa-, a nave de piragüismo sería das poucas instalacións que quedarían para completar a dotación de infraestrutura deportiva municipal. Teño que lembrar que nos últimos dez anos o Concello ten construído os campos de fútbol de Ponte Sampaio, Campañó, Santa María de Xeve, Salcedo e Cerponzóns; reformado os da Xunqueira ao igual que o pavillón Multiusos, o pavillón do Centro Sur e o complexo deportivo de Campolongo, ademais de realizar reparacións en profundidade en distintas instalacións como no pavillón de Marcón. 

Tamén quixera resaltar que recentemente vimos de iniciar a contratación da construción do centro social en Acevedo, na parroquia de Ponte Sampaio, por un importe de 448.788,32 euros que permitirá reformar todo o campo da festa, a contorna da igrexa e construír o local social. 

Sostemento urbano 

O Orzamento municipal deste ano volve a facer fincapé no sostemento dos espazos públicos como o fixemos en 2024. Non renunciamos a chegar á excelencia no tratamento e mantemento de rúas, parques, prazas, espazos de centralidade... para iso precísase tempo xa que as melloras aprécianse a longo prazo, e tamén investimento. Trátase dun traballo miúdo e constante de pequenas reformas, reparacións, substitucións que son as que marcan a calidade. 

Por iso consolidamos a dotación económica do contrato de sostemento dos espazos públicos urbanos e incrementamos a consignación para o rural co fin de ir máis folgados para afrontar imprevistos ou necesidades que vaian xurdindo ao longo do ano. E continúa coa mesma forza inversora o contrato de mantemento dos espazos verdes que se incrementará con partidas específicas para a restauración ou creación de novos parques como é o caso da rúa Serra. 

Tamén se mantén o contrato de supervisión e mantemento dos elementos singulares do concello (pontes, pontellas, pasarelas...) que xa está en marcha facendo o inventario de todas as infraestruturas que deben supervisar; e o contrato de mantemento das infraestruturas deportivas, para atender os pequenos arranxos que poidan xurdir no día a día. 

Increméntanse, tamén, as contías para o mantemento dos colexios e dos centros sociais, xa que son empregados a diario por moitas persoas e teñen un desgaste anual importante. 

Ademais, este ano entrará en vigor o novo contrato de rozas para o rural, que permitirá facer dúas pasadas ao ano por cada parroquia, o que agardamos se vaia notando co paso dos meses. 

A Promoción da cidade 

En 2024 non nos puxemos límites á hora de promocionar á cidade e apostamos porque Pontevedra fose durante dous anos consecutivos (2025 e 2026) a sede da entrega dos premios Feroz, os galardóns da crítica do cine. No Concello non queriamos simplemente a celebración dunha gala, a pesar da repercusión mediática que puidera ter, senón que negociamos para que estivesen vinculados a unha programación de cinema meses antes daquela cita. E así foi. De outubro a xaneiro pasaron por Pontevedra os directores e directoras de referencia do cinema galego e do Estado así como as proxeccións con máis seguimento nas principais plataformas de televisión. 

A veciñanza de Pontevedra tiña que ser a principal beneficiaria de que os Premios Feroz se celebrasen aquí. Por iso acordamos que toda a programación fose de balde. O éxito foi innegable e o público volveu a acompañar á cultura ateigando os espazos reservados para as proxeccións, tanto no auditorio da facultade de Comunicación, como no Teatro Principal ou no Auditorio do Pazo da Cultura. Estabamos convencidos de que ía ser así tendo en conta o gran seguimento que teñen o CineClube, os Novos Cinemas ou a Mostra internacional de Cinema LGBTIQA+ Ambienta. 

Ademais, os Feroz permitiron iniciar novas colaboracións coa Universidade de Vigo, a través da facultade de Ciencias da Comunicación, pero tamén co CIFP Carlos Oroza e coa Fundación Xoán XXIII que colaboran nas proxeccións e, mesmo, na gala de xaneiro. 

A retransmisión da gala pola televisión estatal en prime-time supuxo poñer o foco na cidade e poder achegarse ao público xeralista, algo que non tiveramos acadado nunca en eventos anteriores. Rexistráronse centos de mencións en artigos xornalísticos e miles entradas nas redes sociais. En definitiva, unha promoción turística da cidade de primeiro nivel. 

Temos postas as mesmas expectativas no Multisport de tríatlon que se celebrará entre o 20 ao 29 de xuño na cidade. En 2019, cando celebramos o primeiro Multisport, visitaron Pontevedra arredor de 10.000 persoas entre atletas, técnicos, familiares e seareiros. Resultou todo un éxito polo que a previsión deste ano é similar e o retorno económico agárdase de primeira magnitude. 

Levamos meses traballando neste evento internacional que será o prolegómenos da Gran final das series mundiais de tríatlon de 2026 que tamén celebraremos aquí. Foi toda unha singularidade que se volvese a escoller Pontevedra para esta final cando a anterior se celebrou en 2023, pero a experiencia, profesionalidade e o calor do público pontevedrés declinou a balanza ao noso favor. 

Non quixera rematar a parte de promoción da cidade sen determe no Ano Castelao, ao que nos adherimos a principios de mes a través dun bando. Temos o propósito de organizar unha programación da man de todas as entidades e asociacións da cidade que teñen decidido participar activamente preparando actos e actividades para lembrar a súa figura durante todo o ano. 

Relacións institucionais 

Un dos obxectivos que propuxen ao meu Goberno neste mandato é intensificar as relacións institucionais co resto de administracións para desbloquear proxectos historicamente atrancados ou ben para abrir novas vías de traballo en beneficio de Pontevedra. 

Coa Deputación mantemos unha colaboración correcta. Aínda que se respectaron os compromisos adquiridos previamente, é unha aspiración do Goberno Local incrementar a asignación que lle corresponde ao Concello de Pontevedra dos fondos provinciais. Polo de agora mantemos a consignación de 2,5 millóns de euros fixada hai 10 anos, pero confiamos en aumentar esa achega en base á negociación e ao diálogo. As partidas de 2024 e 2025 están destinadas a reurbanizar a pasarela de Doce de novembro, o campo de fútbol de Salcedo, a segunda fase da iluminación pública, a reforma da rúa Luís Seoane, a mellora da dixitalización municipal ou a reforma da nave de piragüismo. 

Ademais tamén quixera resaltar a lealdade institucional. Ambas administracións entendemos que a celebración de grandes eventos que teñen como sede Pontevedra benefician a toda a provincia. Refírome, por exemplo, ao Multisport de Tríaton de xuño, aos premios Feroz de xaneiro ou á Bienal de Arte que se celebrará no verán e no que ambas institucións estamos de acordo en colaborar man a man. O Goberno Local ao igual que fixo en proxectos de ámbito comarcal ou provincial (véxase o Gran Montecelo), non ten inconveniente en apoialos, pero fóra da asignación anual que lle corresponde a Pontevedra. 

“Moi de cerca sigo a evolución da reforma do Convento de Santa Clara e a rehabilitación dos edificios centrais do Museo de Pontevedra. É a miña obriga como alcalde, xa que a súa situación actual é unha ferida no corazón da cidade. Santa Clara está pechada dende maio de 2023, sen que os veciños e veciñas poidamos gozar dela e creo que ben podía estar aberta até que se inicien as obras -das cales non temos novas-. Ao respecto dos edificios centrais do Museo, soamente hai que pasear ao seu carón para evidenciar a súa degradación”, afirmou Lores. 

Vexo con preocupación que van alá case dous anos e non se sabe nada concluínte desas reformas. Din orde aos servizos urbanísticos que tramiten con celeridade todo o que teña que ver con elas, pero non se aprecian avances. Agardo que neste 2025 se vaian concretando os proxectos, nolos transmitan con claridade á veciñanza e se vaian dando pasos en firme. O Concello ten a man tendida, coma sempre, xa que é o principal interesado en ver recuperado o esplendor e o uso de todos os edificios. 

Co goberno da Xunta de Galiza estamos avanzando en distintos eidos. Quixera destacar especialmente a decisión de desbloquear a variante de Alba. O departamento de Infraestruturas pon como condición que ese vía non naza nunha estrada do Estado, así que xa temos o compromiso da Secretaría de Estado de Transportes da cesión da N-550 até o empalme de San Caetano. 

Cando teñamos a cesión poremos o tramo acordado a disposición da Xunta para que saque a contratación o proxecto. Nós sempre defendemos unha estrada axustada ao terreo do estilo da conexión de Monte Porreiro con Lérez ou da de Tafisa cos Campos, que una as parroquias de Alba e Campañó sorteando o estreito e inseguro paso de San Caetano e que permita trasladar os tráficos entre as estradas de Vilagarcía e Santiago, sen ter que achegarse até Domingo Fontán. 

“As conversas entre as tres administracións van por bo camiño, e creo que podo dicir que é a primeira vez dende que son alcalde que vexo factible que se faga a variante”, dixo o alcalde de Pontevedra. 

O noso interese por poñer vivenda protexida no mercado, ofrecemos ao Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) até sete parcelas públicas en terreos urbanos, das que escolleron tres: unha na Parda, outra en Tafisa e unha última en Valdecorvos. Nestes momentos traballase na cesión formal dos tres terreos nos que se poderían construír até 125 novas vivendas. Neste “intercambio” tamén recibiremos todas as parcelas do IGVS no barrio de Monte Porreiro -a maior parte no Miradoiro- para regularizar a súa situación. 

Seguimos traballando para liberar a Xunqueira da Gándara das concesións administrativas, como dixen máis arriba. A Xunta ten o compromiso de abandonar as dúas parcelas que teñen ocupadas a Consellería de Medio Rural e a Axencia Galega de Infraestruturas. No primeiro caso está avanzado o traslado dos equipos de extinción de incendio ao Campiño, onde instalarán a súa base; e no segundo, está na busca dunha parcela onde situar o seu parque móbil. 

Ademais, agardamos o remate da reurbanización da estrada de Marín. 

O Hospital Montecelo no que o Concello ten feito unha achega superior aos 16 millóns de euros (servizos de saneamento, abastecemento, subministro eléctrico, circunvalación, exoneración de taxas e unha achega de 4 millóns para as expropiacións) e a ampliación do Polígono do Campiño reclamada dende hai anos por Pontevedra, son outras demandas que estamos a seguir de cerca. 

Os contactos que máis se teñen intensificado neste último ano e medio son co Goberno do Estado, especialmente cos departamentos de Costas e de Transportes que permitiron desbloquear o ano pasado o by-pass de Mollavao ao autorizar Costas a súa construción na parcela dos circos. Tanto o acceso a Mollavao como a reurbanización de Rosalía de Castro son proxectos que xa están actualizados e agardamos a autorización de Adif -último permiso- para sacalos a contratación. 

A Secretaría de Estado de Transportes confirmou que a autorización está concedida e era cuestión de pouco tempo que se lle notifique á Deputación, institución que levou a tramitación do proxecto. 

Tamén chegamos ao acordo da cesión da N-550 dende Pasarón (avenida de Compostela) até o cruzamento con San Caetano para poder arrancar nese tramo a futura variante de Alba. O compromiso do secretario de Estado é firme, así que nestes primeiros meses do ano agardamos que chegue esa cesión ao Concello para poder autorizar á Xunta de Galiza a conexión da variante. 

Así mesmo fixemos seguimento dos avances no paseo a Marín, que neste momento se xestiona entre Costas e Transportes porque, ademais de continuar a senda peonil e ciclista, busca eliminar as inundacións da autovía. Agardamos coñecer a solución nos primeiros meses deste ano. 

Coa Dirección Xeral de Tráfico (DXT) temos un acordo previo que hai que formalizar ao longo deste ano, para o traslado do centro de exames situado na Xunqueira da Gándara á dúas parcelas municipais -de 13.000 metros cadrados- situadas no Campiño. A saída da DXT sería un gran paso para recuperar a Xunqueira da Gándara como o novo pulmón verde periurbano da cidade. 

Ademais estamos seguindo a evolución das obras de reforma do Nó de bombeiros que están paradas para facer novos estudios xeotécnicos do terreo e a continuidade da circunvalación de Pontevedra, a única capital de provincia do Estado que carece dela. E tamén mantemos contactos coa Dirección xeral de Costas para impulsar a rexeneración da enseada do Ulló e a ampliación da praia fluvial na parroquia de Ponte Sampaio. 

Finalmente, “con igual preocupación que con Santa Clara, vexo o futuro da antiga sede de Facenda, no edificio de San Francisco. Sen proxecto e sen destino definitivo claro, é preciso unha actuación canto antes para evitar o seu deterioro irremediable”, rematou o alcalde. 

A loita contra o cambio climático, a mellora da calidade de vida, o sostemento do espazo público e a promoción da cidade, eixos dos orzamentos de Pontevedra para 2025.