SÁBADO 4 DE MAIO NO PASEO ROSALÍA DE CASTRO (AS PALMEIRAS)

Homenaxe a Dany Moure

Homenaxe a Dany Moure

Pontevedra vivirá un reencontro coa música de Dany Moure (e outras ducias de cancións que irán do blues ao soul, pasando polo rock) o sábado 4 de maio. A asociación Nothing but the blues, en colaboración co Concello de Pontevedra, organiza e promove un concerto homenaxe ao artista pontevedrés, finado o pasado ano, onde actuarán máis de 50 músic@s. 

O edil de Cultura, Demetrio Gómez, lembrou na presentación desta cita que Dany Moure foi unha persoa que deixou unha fonda pegada en Pontevedra, «ademais de nos corazóns da xente». «Quen tivemos a sorte de tomar algo con el e escoitalo ao vivo, máis aínda os seus amigos e familia, saben que era unha persoa especial e da que un nunca se esquece». 

Gómez definiu a homenaxe do 4 de maio «como unha festa», que se iniciará ás 18.00 horas, no paseo de Rosalía de Castro (nas Palmeiras) onde as e os artistas que se suban ao escenario o que máis lle prestaba a Moure: «tocar e facer que o blues e o rocanrol estivesen sempre con todos nós». «Foi unha persoa que nos fixo gozar desta música e o Concello sempre estará encantado de colaborar con Nothing but the blues para que esta gran festa poida ser realizada todas as veces que faga falta». 

Doutra banda, a presidenta da asociación, Katia Palmeiro, lembrou que a data escollida non é casual, indicando que sería o aniversario do nacemento de Dany Moure, e que cumpriría 45 anos este 2024. «Que mellor que xuntarnos para facerlle o mellor regalo posíbel que era subir ao redor de 50 persoas enriba dun escenario para levar a festa ao máis arriba posíbel, aos lados, cara diante, cara atrás... do xeito máis explosivo que saibamos», indicou. 

Palmeiro invitou a toda a cidade a gozar desta cita e desta celebración, aberta a todo o mundo, coa música como base. «A Dany encantáballe celebrar a vida cantando, e se non se me ocorre agasallo mellor ca este. É o primeiro evento que realizamos a través desta asociación e pareceunos o máis apropiado».

Homenaxe a Dany Moure