O xornalista e divulgador cultural Ramón Rozas será o pregoeiro das Festas da Peregrina 2026
Pontevedra, 24 de xullo de 2026. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, anunciou que Ramón Rozas Domínguez será o pregoeiro das Festas da Peregrina deste ano, unha escolla cuxa aceptación por parte do protagonista foi inmediata.
Na súa intervención inicial, o rexedor definiu a Rozas como un "pregoeiro de luxo" e destacou a súa fonda vinculación coa cidade. Aínda que nado en Santiago, Rozas leva décadas vivindo e traballando en Pontevedra, sendo unha figura moi coñecida polas súas colaboracións e escritos no Diario de Pontevedra.
O alcalde quixo poñer en valor a ampla traxectoria do xornalista no eido cultural, destacando o seu traballo no Consello da Cultura Galega, o seu recente nomeamento como xurado dos premios estatais de narrativa, e a súa estreita colaboración co Concello en proxectos como Arte en Pontevedra, os libros O latexo das prazas e Do gris ao violeta, ou o comisariado do ciclo Na beira do río. Diálogos coa pintura (2011-2020). Lores mostrouse convencido de que será un "pregón espléndido”.
Pola súa banda, Rozas tomou a palabra a continuación para expresar o seu infinito agradecemento ao Concello, ao alcalde e ao concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez. O pregoeiro confesou recibir a nova con "alegría, orgullo e responsabilidade", e lembrou as moitas veces que estivo como espectador fronte ao balcón escoitando a amigos e compañeiros, imaxinando a posibilidade de estar algún día alí arriba. Rozas admitiu que nun primeiro momento a proposta colleuno por sorpresa e chegou a dubidar se tiña méritos suficientes, pero as palabras do alcalde lembrándolle o moito que el quere a Pontevedra foron decisivas para aceptar.
Sobre o discurso que pronunciará na apertura das festas, Rozas indicou que xa o ten bastante avanzado debido a unha próxima viaxe. Segundo adiantou, o pregón será unha "viaxe a través do tempo" que mesturará a realidade e a imaxinación. O texto contará con dous colaboradores ou actores principais: un personaxe saído dun libro e outro que atopará na propia cidade, os cales servirán de guías para buscar respostas aos sentimentos e á historia que agachan as pedras de Pontevedra.
O pregoeiro quixo darlle ao texto unha coidada entidade narrativa e literaria, pensando especialmente naquelas persoas que non poidan asistir ao acto en directo e desexen gozar da súa lectura posteriormente. Por último, Rozas confirmou que a cultura será o "eixo vertebrador" e a gran protagonista do seu relato, como homenaxe ao grandísimo respecto que Pontevedra sempre tivo por este eido e polos persoeiros esenciais que pasaron pola cidade.