Recortes en educación coa supresión de Latín como materia troncal de 1º de Bacharelato no IES Soutomaior
Soutomaior, 24 de xullo de 2026. As familias do IES Soutomaior manifestaron a súa preocupación pola decisión da Consellería de Educación de non autorizar a impartición de Latín een 1º de Bacharelato para o vindeiro curso, unha medida que consideran un grave prexuízo para o alumnado e que limita as súas posibilidades de acceso a determinados estudos universitarios.
Segundo explican, a decisión responde á aplicación do criterio de non impartir materias con menos de cinco alumnos matriculados. Ata o de agora, estas excepcións viñan sendo autorizadas, permitindo que o alumnado puidese cursar materias fundamentais para o seu itinerario académico. Porén, este curso, no marco das medidas de recorte aplicadas pola Inspección Educativa, a autorización foi denegada.
No caso de Latín, trátase dunha materia troncal da modalidade de Humanidades e Ciencias Sociais. O alumnado debe elixir entre Latín e Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais, pero ao non autorizarse a súa impartición, desaparece esta opción. Ademais, o Latín é unha materia de continuidade: quen non a curse en primeiro tampouco poderá facelo en segundo de Bacharelato, o que supón unha importante desvantaxe para o alumnado que queira acceder a graos relacionados coas Humanidades, onde esta materia pondera de maneira significativa na nota de acceso á universidade.
Como alternativa, Educación ofrece que a materia se poda cursas en modalidade en liña, co alumnado obrigado a realizar os exames presenciais en Santiago de Compostela. As familias consideran que esta opción non garante unha formación equivalente, xa que se trata de materia na que a docencia presencial resulta fundamental para a correcta aprendizaxe. Ademais, esta situación compromete tamén a continuidade dos estudos en 2º de Bacharelato.
As familias lembran, ademais, que a profesora de Latín ten destino definitivo no IES Soutomaior e permanecerá no centro impartindo outras materias, polo que consideran que existen recursos humanos suficientes para manter a asignatura.
Ante esta situación, a ANPA do IES Soutomaior presentará un escrito dirixido á Inspección Educativa solicitando que se reconsidere a decisión e se autorice a impartición desta materia no centro.
Pola súa banda, o Goberno municipal de Soutomaior solicitou xa unha reunión urxente coa Xefatura Territorial de Educación para analizar esta problemática e buscar unha solución que evite que o alumnado do municipio quede en inferioridade de condicións respecto ao doutros centros educativos da Galiza.
O Executivo local considera que a supresión de latín supón un recorte da oferta educativa do instituto e unha perda de oportunidades para os mozos e mozas de Soutomaior, polo que defenderá ante a Administración autonómica a necesidade de manter unha oferta de Bacharelato completa, que garanta a liberdade de elección do alumnado e a igualdade de oportunidades no acceso aos estudos superiores.