Primeiro golpe do PP á Festa dos Maios de Poio
Poio, 2 de maio de 2024. O BNGdenuncia que o Goberno do PP de Poio recortou 100 euros a cada Maio participante no concurso dos Maios, unha baixada considerábel da que non se informou aos colectivos participantes, e que só se pode entender por criterios políticos.
Compre lembrar que nas bases do 2023, co acordo de todos os colectivos, decidiuse incrementar os premios das diferentes categorías así como a participación para axudar cos gastos aos colectivos (de 200 euros subiuse a 300) e poder así favorecer unha maior participación, dado que son moitos os gastos que teñen que asumir os organizadores.
Este ano, a delegada de Cultura informou na Comisión que o orzamento se mantiña igual que no 2023 sen cambios, ocultando a rebaixa de 100 euros a cada Maio.
“Estes son os primeiros tixeretazos do PP que atentan contra os tradicionais maios do noso concello. Unha vez máis o PP mostra, coa súa actitude, un claro desprezo á cultura popular de Poio”. “Desde o BNG instamos ao PP a que rectifique, deixe de minusvalorar a nosa cultura tradicional e trate aos Maios coa dignidade que merece a festa máis tradicional do noso concello”, afirmou a Portavoz nacionalista, Marga Caldas.