A PASTEIRA PRETENDE DUPLICAR A OCUPACIÓN DE TERREOS E LEVANTAR EDIFICIOS E ESTRUTURAS DE ATÉ 70 METROS DE ALTURA
A Xunta do PP, aos ditados de ENCE
Pontevedra, 2 de maio de 2024. A Tenente alcalde de Pontevedra, Eva Vilaverde deu a coñecer o informe técnico de alegacións emitido polo Concello de Pontevedra perante a modificación puntual do proxecto de incidencia supramunicipal que afecta ao asentamento industrial de ENCE en Lourizán.
Vilaverde lembrou que xa houbo unha fase previa de información pública na que o Concello presentou as “alegacións e observacións pertinentes”. “Neste intre, do que se deu conta en Xunta de Goberno Local foi do trámite de audiencia, no que foi notificada esta aprobación inicial da modificación e darlle para adiante as obras que ENCE ten proxectadas. Neste trámite de audiencia, “no que se lle solicita información ao Concello, o que facemos é trasladarlle á Xunta os informes municipais e as informacións correspondentes”.
A tenente de alcalde cualificou de “inaudito”, o feito de que a Xunta de Galiza “sexa extremadamente estrita cos particulares e as empresas pequenas, mais ao mesmo tempo élle sumamente doado darlle para diante e admitirlle calquera ocorrencia a ENCE, ou calquera cuestión que poña enriba da mesa. Sáltanse calquera principio e normativa, mesmo a propia, xa que nin lle aplican o POL”.
Eva Vilaverde: “A Xunta de Galiza, tan estrita con particulares e empresas pequenas, dalle para diante ou admítelle calquera ocorrencia que ENCE poña sobre a mesa, mesmo saltándose toda a normativa legal”
O proxecto que ENCE contempla para Lourizán é escandaloso, xa que duplicaría a ocupación actual dos terreos ou ampliaría as alturas coa construción de novos edificios que superarían as do edificio máis alto da cidade. “Nas informacións que temos fálase da instalación dunha nova liña de astillado de 30 metros de altura, novos dixestores de 25 metros, tanques de lixivia de 20 metros, reactores de peróxido de 25 metros…", indicou a edil.
“Algunha torre podería mesmo acadar os 70 metros de altura, polo que falamos dun edificio de 20 andares, totalmente lonxe da normativa desta cidade. De seguir adiante este proxecto veríamos que o edificio máis alto de Pontevedra se constrúe diante da ría, incumprindo calquera tipo de integración paisaxística, norma de Costas ou esixencia de principios; por non falar da captación de auga, que sería aumentada, nun intre totalmente delicado logo dos períodos de seca que vivimos”.