Grande éxito da Feira do Libro de Soutomaior
Soutomaior, 3 de maio de 2024. A pasada din de semana tivo lugar a Feira do Libro de Soutomaior, unha feira que o alcalde, Manu Lourenzo, non dubidou en calificar como ‘a máis inclusiva, feminista, e coa programación máis completa dos últimos anos”, e que, por vez primeira, chegou aos barrios de Soutomaior.
Ademais das editoriais, houbo un sinfín de actividades e espectáculos para todos os gustos, cores e idades. Así, e deste xeito, os máis pequeniños da casa, de 0 a 3 anos, puideron desfrutar da Bebeteca e do seu obradoiro ‘Lendo cos sentidos’. Outra das paradas obrigatorias nesta Feira foi a Petit Furgo onde nun pequeno espazo se sucederon grandes historias con pases cada media hora.
Espectáculos como os de: ‘A libraría máxica´ de Bea Campos e Marcos Alonso; ´Travesías. Aventuras de libro´ de Raquel Queizás, a sesión vermú con ‘Covers Lovers’, ‘As máis molonas de Pakolas´ de Paco Pakolas espertaron grande espectáción entre o público conseguindo un cheo absoluto, cabe destacar que grazas ao programa Soutomaior Inclusivo, o espectáculo de Paco Pakolas foi signado.
Éxito dos espectáculos co que tamén contaron as presentacións de libros tales como a de Masha Álvarez con ‘Dakota’; a charla coloquio ‘Mulleres galegas que fan historia’ de Isabel Blanco; a presentación da ‘Banda deseñada cando sopra o vento’ de Kiko Dasilva; a presentación do libro ‘Pedro, o piloto de gaivotas’ do escritor Manuel Darriba e a ilustradora Aida Alonso; a presentación de ‘Universo Bolechas’ con Pepe Carreiro ou a presentación da memoria gráfica de ‘Memorias dun neno labrego’ de Iria Aldegunde ou a charla – coloquio con Xosé Enrique Costas e Sara Rodríguez sobre a lingua galega.
Todo na compaña de moitas actividades destinadas para os máis pequenos e á xuventude do concello, actividades todas elas que encantaron e contaron con moito éxito. Estes obradoiros foron o ‘Pasaporte lector’, o ‘Mapa do tesouro’, ‘Cita a cegas cun libro´(a versión para nenos de 6-12 anos e a de adultos), o obradoiro ‘As mil caras’ ou o ‘Tendal narrativo’.
A Feira do Libro rematou na casa do pobo do Val Sobral coas actividades, xogos e contacontos de Bibliofogar.