Concello de Pontevedra e Afapo impulsan unha nova edición dos obradoiros de de estimulación cognitiva e prevención do Alzheimer
Pontevedra, 3 de maio de 2024. A Concellería de Benestar Social, dirixida por Anabel Gulías, e a Asociación de familiares de enfermos de Alzheimer e outras demencias (Afapo) poñen en marcha unha nova edición dos obradoiros de prevención da deterioración cognitiva e Alzheimer, no marco da aposta compartida a favor do envellecemento activo.
A edil de Benestar Social puxo en valor a colaboración de Afapo e outras asociacións á hora de traballar a prol do benestar, a promoción da calidade de vida dos nosos maiores e o mantemento do tecido comunitario. Tamén destacou a importancia do proxecto de Afapo que vai “un pasiño máis aló” dos obradoiros de memoria que tamén se están a desenvolver nun amplo abano de parroquias.
“Non é só unha actividade lúdica, da man dos seus profesionais e experiencia permite a detección precoz de enfermidades neuro-dexenerativas como o Alzheimer”, engadiu a concelleira. O pasado ano, explicou o presidente de Afapo, José Manuel Fontenla, detectáronse entre os participantes nos obradoiros, arredor de 200 persoas, un 7 % de casos de deterioracións.
“Igual que facemos exercicios fisicos para prever enfermidades físicas, necesitamos facer exercicios neuranais para evitar ou facer que o impacto dos males neurodexenerativos sexa menor”, subliña o presidente de Afapo
Os obradoiros —dirixidos a persoas maiores de 55 anos que carezan de diagnóstico de enfermidade neurodexenerativa— comezaron esta semana e terán unha duración de cinco meses, dividida en dúas etapas: unha primeira, en maio e xuño e a segunda, en setembro, outubro e novembro.
Artéllanse en sesións semanais dunha hora e media de duración e desenvólvense nas parroquias de Campañó, San Andrés de Xeve, Santa María de Xeve, Mourente, Lourizán, Alba, Verducido e Salcedo, ademais de nos barrios do Burgo e San Roque.
Os obradoiros de estimulación cognitiva de Afapo están coordinados por unha traballadora social e unha psicóloga que fan unha valoración dos participantes e establecer o nivel das actividades en cada grupo, así como o seguimento do desenvolvemento da actividade por se fóra necesario asesorar ou orientar posibles casos de deterioración ou sospeita de Alzheimer ou enfermidade neuro-dexenerativa.
En cada unha das sesións haberá dinámicas de grupo que axudarán a fomentar a cohesión entre as persoas, a sociabilidade, a diversión e o traballo en equipos e exercicios colectivos (orais) e individuais que traballarán distintas áreas: memoria, linguaxe, escritura, cálculo, atención, gnosias, funcións executivas etc.