O Concello de Pontevedra licitará de xeito conxunto as obras de reforma de Rosalía de Castro e o novo vial de Mollavao
Pontevedra, 3 de maio de 2024. En rolda de prensa, o edil de Infraestruturas, César Mosquera, ofreceu novidades sobre o desenvolvemento dos proxectos de reforma da rúa Rosalía de Castro e de creación do novo bypass de Mollavao.
«Por motivos administrativos as dúas actuacións foron divididas en dous proxectos distintos», lembrou Mosquera. «Como é sabido, a reforma de Rosalía de Castro non podía ser realizada sen a construción con antelación do novo vial de Mollavao, xa que a rúa pasará a ser de dirección única cun carril».
Unha vez resolta a parálise administrativa do vial de Mollavao por parte do Estado, o concelleiro de Infraestruturas explicou que xa foi encargada a actualización de prezos deste proxecto para evitar que quede deserto o futuro concurso. Ademais, tamén estaría solicitada a actualización de prezos de Rosalía de Castro e estaría iniciado o trámite de contratación do proxecto de axardinamento da parcela de Mollavao —tamén coñecida como a parcela dos circos—.
Emporiso, e alén destas actualizacións, Mosquera quixo destacar que o Concello de Pontevedra ten a intención de licitar conxuntamente a creación do novo vial e a reforma da rúa Rosalía de Castro. «Por que? Porque de non facelo así habería que facelo de xeito secuencial, primeiro un e logo outro e xa tivemos, por motivos alleos ao Concello, bastantes atrasos nestas actuacións. Queremos recuperar o máximo tempo posíbel para que canto antes a xente da zona, e todos os pontevedreses e pontevedresas, poida ver isto reformado».
Deste xeito, o concelleiro explicou que a licitación conxunta responde a unha decisión «operativa», tanto a nivel administrativo como a nivel de execución á hora de xestionar mellor a mobilidade e a coordinación nas actuacións necesarias, «evitando choques entre empresas á hora de poñer en marcha plans de obras».
Mosquera agarda que a licitación conxunta se realice a finais de ano.