A rede Cidades que Caminham de Portugal busca inspiración en Pontevedra
Pontevedra, 15 de maio de 2024. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, recibíu a perto de 30 técnicos e técnicas pertencentes a distintas vilas portuguesas que conforman a rede Cidades que Caminham do país veciño, creada no ano 2022.
O rexedor da cidade do Lérez realizoulles unha presentación dos distintos elementos e dinámicas que fixeron e fan posíbel o modelo urbano de Pontevedra, ao tempo que contestou as diversas preguntas e cuestións que puxeron sobre a mesa os visitantes. Alén desta intervención no CITA, o alcalde realizou a continuación un paseo polo centro de cidade, para mostrar in situ algúns dos elementos comentados durante a súa exposición.
«Eu estiven na creación da rede portuguesa hai un par de anos e síntome orgulloso de poder recibilos hoxe aquí, charlando e paseando por Pontevedra, ao tempo que achegamos ideas para o futuro», explicou Fernández Lores.
Pola súa banda, a presidenta da rede, Paula Teles, agradeceu o recibimento do alcalde pontevedrés, sinalando que Portugal «ten os mesmos problemas comúns» no referido ao futuro das cidades, a seguridade viaria e a xestión do espazo público. «Temos os mesmos desafíos, mais nós temos moito que traballar. Queremos que os nosos cidadáns teñan unha mellor calidade de vida ao igual que en Pontevedra, a través de todo o feito aquí na Galiza e contaxiarnos desa idea de que non podemos ter medo ao cambio»