O BNG leva ao Parlamento galego a mellora da seguridade viaria na PO-233
Cerdedo-Cotobade, 9 de maio de 2024. O deputado do BNG Luís Bará, acompañado polo portavoz municipal, Ernesto Filgueira e outros membros do BNG achegouse a Cerdedo-Cotobade onde anunciou a presentación de iniciativas parlamentares para mellorar a seguridade peonil e ciclista na PO-233 que comunica Ponte Bora (Pontevedra) con A Lama, atravesando no concello de Cerdedo-Cotobade polos lugares de Vilanova (Tenorio), A Xesteira (Almofrei) e As Lagoas (Borela).
Bará lembra que esta estrada “presenta diversas deficiencias en materia de seguridade viaria e mobilidade peonil e ciclista, máis evidentes nas travesías dos nucleos, pero que precisa dunha actuación integral para mellorar a seguridade na totalidade da estrada”.
No que se refire aos núcleos, é necesario acometer “actuacións de calmado de tráfico con redutores de velocidade, construción de beirarrúas, instalación de mobiliario, mellora da sinalización e recollida de augas pluviais”, afirmou o deputado nacionalista.
Bará demanda que o proxecto inclúa inclúa medidas de urbanización e calmado de tráfico, recollida de pluviais e dotación de mobiliario nas travesías de A Xesteira e As Lagoas
Bará lembrou que no núcleo da Xesteira a Xunta xa levou a cabo unha actuación parcial de calmado de tráfico e construción dun treito de senda peonil, pero que presenta deficiencias no que respeita á recollida e canalización das pluviais, o que, na práctica, impide o uso da beirarrúa nos días de intensa chuvia. Ademais, a deficiente execución da obra afecta á contorna dunha marquesina de bus, o que dificulta o acceso e uso deste equipamento, ademais de expulsar moita auga cara a estrada en plena curva, coa conseguinte perigosidade.
Ademais, esta vía presenta nalgúns treitos perigosidade para as persoas que transitan a pé, especialmente nos lugares de Vilanova, A Xesteira e As Lagoas, polo que preciso a adopción de medidas que permitan o calmado de tráfico e faciliten o tránsito peonil. Para o deputado nacionalista urxe solucionar o problema das pluviais que anegan o vial no treito que vai do campo de fútbol das Estremas á piscifactoría, ademais de modernizar e mellorar as beirarrúas en Carballedo, mellorando a accesibilidade e o mobiliario urbano.
O deputado nacionalista fixo fincapé, ademais, no incremento da mobilidade ciclista tanto deportiva como de lecer na PO 233 e PO 234 (cara Augasantas) e na necesidade de “levar a cabo unha actuación de fomento e mellora da mobilidade ciclista, con actuacións centradas na sinalización, na seguridade viaria e na convivencia do tráfico rodado e o uso ciclista”
Ernesto Filgueira lembra que as demandas que o BNG leva ao Parlamento galego xa foron aprobadas -coa abstención do PP- no pleno municipal
Pola súa banda, o portavoz municipal, Ernesto Filgueira, lembrou que estas demandas foron aprobadas, a instancias do BNG, polo pleno do concello de Cerdedo-Cotobade, polo que insta ao PP a apoiar no Parlamento esta iniciativa do BNG que melloraría a seguridade nunha das principais arterias de comunicación do concello e redundaría moi positivamente en todo Cerdedo-Cotobade” .