Distintas escolas de música da cidade unen forzas para crear o "Incode Fest", unha proposta chea de forza e xuventude
Pontevedra, 9 de maio de 2024. O edil de Cultura, Demetrio Gómez, presentou unha nova proposta lúdica para a cidade coa música como principal protagonista. A partir do 29 de maio, e ao longo de varias xornadas, até o 1 de xuño, desenvolverase o Festival Incode, “unha nova demostración de que en Pontevedra temos unha potencia musical emerxente inmensa”.
Deste xeito, o Incode articúlase a través do labor de diversas escolas de música da cidade, cristalizando nunha serie de actuacións ao vivo, con convites incluso de artistas chegados de fóra do país. “Haberá formación, presentación de novos proxectos e, sobre todo, un festival que lle dará vida a Alameda a través da música de moi distintos estilos, de todas as facturas, toda música feita con agarimo e con amor pola arte”, explicou o concelleiro.
A Alameda será o principal escenario das xornadas previstas pola organización, onde se desenvolverán diversos concertos «con música de todo tipo» desde a mañá até a noite
Pola súa banda, o director do proxecto e membro fundador da Escola Bonobo, Gonzalo Maceira, destacou a ilusión de todos os implicados á hora de dar forma a este festival. “Estamos moi contentos porque para nós facer un evento destas características e algo realmente novidoso. Cremos que por aquí non hai nada semellante”, indicou. “Esta cidade conta cunha capacidade de produción moi abraiante, da man dunha oferta ampla desde as escolas de música, ao tempo que diversa”.
Maceira repasou polo miúdo o contido das xornadas, que comezarán cunha visión educativa e formativa, a través de distintos obradoiros que se realizarán ao longo de todo o día. O 30 de maio serán estreadas as Bonobo Live Sessions, que este ano homenaxearán un disco de Fletwood Mac.
Xa o 31 de maio, e o 1 de xuño, a música en directo collerá todo o protagonismo, ofrecendo actuacións realmente únicas e curiosas, como a da Orquestra Sinfónica Xove e a Aula Tradicional da UVigo. “A xente poderá escoitar moitísimo contido inédito e novidoso”, explicou o director do festival. “Será algo irrepetíbel, de estrea ao longo de todo o día. Pontevedra poderá escoitar o que está a facer toda a rapazada da cidade”.
Todas as actividades que se inclúen no programa serán de balde, habendo tamén postos de comida, mercadiño e máis sorpresas.