Lores confia en que as obras do novo parque da Parda comecen este mesmo ano
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, vén de confirmar a excelente noticia para a cidade da licitación do novo parque da Parda. “Unha vez realizadas todas as actualizacións de prezos, o contrato final será de 5.533.406 euros, un dos máis grandes que ten feito este Concello”, afirmou o alcalde.
A licitación contempla unha duración de 28 meses para acometer as obras necesarias para facer realidade o proxecto, que sería dividido en tres anualidades (2024, 2025 e 2026). Fernández Lores indicou que o Concello agarda poder iniciar as obras este mesmo ano.
Doutra banda, o alcalde lembrou que este futuro parque será o parque urbano máis grande co que contará a cidade, sumando o triplo de terreo do que ocupa Santa Clara. “É un parque que se creará nunha zona de medre da cidade, unha zona con moitísimos servizos e que permitirá conectar este novo espazo de lecer, de deporte e de estancia co paseo do Gafos, a través de Entrevías e Otero Pedrayo».
Ademais, está contemplada a construción de máis de 200 prazas de estacionamento, repartidas tanto no extremo máis próximo aos xulgados, coma ao extremo máis próximo ao río Gafos.