O deporte, unha porta aberta á inclusión na cidade de Pontevedra

O deporte, unha porta aberta á inclusión na cidade de Pontevedra

Pontevedra 10 de maio de 2024. Sensibilizar, visibilizar, incluír e gozar. Son os vimbios que tecen a IV Xornada Multideporte adaptado que se celebra hoxe venres, 10 de maio, na avenida Montero Rìos, en horario de 10.00 a 14.00 horas e de 16.30 a 20.00 horas da man da Asociación de persoas con discapacidade da comarca de Pontevedra-Amizade e o apoio do Concello de Pontevedra. 

A concelleira de Benestar Social, Anabel Gulías, e o presidente da Asociación Amizade, Paulo Fontán, fixeron un chamamento á participación, xa que se trata dunha aposta pola inclusión para que pequenos e grandes, con discapacidade ou non, poidan coñecer e probar distintas modalidades de deporte adaptado, co asesoramento de monitorado. 

Gulías puxo o foco na importancia de contribuír ao fomento e a visibilización do deporte adaptado, «máis alá do tempo da Olimpíada e Paraolimpíada pois o deporte inclusivo xógase todo o ano e todos os anos». «O deporte é unha ferramenta magnífica de inclusión para todas as persoas», engadiu. 

Pola súa banda, Paulo Fontán salientou, ademais da visibilización, outro dos obxectivos esenciais da xornada que é a sensibilización: «que o tempo que pasen xogando (nenos e maiores) logren entrar por un intre na pel da persoa con discapacidade, na pel do outro». 

As persoas que se acheguen até Montero Rios poderán probar deportes adaptados como baloncesto, tenis de mesa, bádminton, boccia, slálom, bolos, voleibol, etc... unha escolma que dará a coñecer o seu material e as estratexias de xogo que axudan a normalizar a vida —neste caso a actividade deportiva— das persoas con discapacidade. Unha experiencia que tamén ten unha vertente de concienciación sobre as dificultades que unha persoa con discapacidade convive no seu día a día.

Na quenda da mañá participaron máis dun cento de escolares. Na de tarde, a participación está aberta ao público en xeral. 

Deportod@s aposta polos valores do deporte inclusivo como ferramenta para construír unha sociedade igualitaria. Unha experiencia inmersiva que mellora a auto percepción e auto estima das persas con discapacidade e achega ás persoas sen discapacidade a unha realidade que, en moitos casos, lles é allea. 

 

O deporte, unha porta aberta á inclusión na cidade de Pontevedra