Pontenciencia regresa como o gran programa educativo da cidade para desenvolver o pensamento científico entre o alumnado
Pontevedra, 26 de abril de 2024. Pontenciencia volve un ano máis como exemplo referencia de proxecto educativo colectivo en Pontevedra. O edil de Educación, Demetrio Gómez, participou na súa presentación, xunto con representantes dalgúns dos centros escolares participantes, así como representantes das empresas privadas que tamén participan.
Pontenciencia é un proxecto que ten como obxectivo desenvolver o pensamento investigador. O proxecto pon ao alcance dos cidadáns un conxunto de ferramentas e actividades que proxecten unha visión dinámica e atractiva da ciencia, a tecnoloxía e a innovación para poder celebrar unha feira de ciencias, que denominamos Pontenciencia. Este ano será a décimo primeira edición.
Unha das actividades máis coñecidas e rechamantes deste programa é a Feira Pontenciencia que se celebrará na Escola de Enxeñería Forestal durante os días 3 e 4 de maio, funcionando como un lugar de mostra, divulgación, formación e presentación.
«Falamos dunha actividade que promove o método científico e que permite ver como o estudantado de Pontevedra fondan no coñecemento deste método e na reflexión baseada en datos obxectivos», explicou o edil. «Queremos que o alumnado aprenda a través da observación da realidade, plantexar unha hipótese e demostrala a través da ciencia».
Esta edición serán 462 os investigadores e investigadoras que participarán na feira, haberá 27 actividades diferentes e 29 investigacións que se presentarán diante dun xurado que valorará o labor realizado nas aulas e o resultado final.
O concelleiro quixo lembrar que Pontenciencia non se pode reducir só a unha actividade de mostra de proxectos, pois «se ben esta parte é fundamental e importante», Pontenciencia vai máis aló «e é en realidade un proxecto a desenvolver todo o ano, lonxe de ser un labor dunha semana, é o traballo de todo un ano onde participa moitísima xente e onde o profesorado fai un traballo realmente interesante».