O congreso FLUOR trae a Pontevedra relatores de luxo en negocio dixital, publicidade e redes sociais
Flúor achega até Pontevedra a profesionais como Luis Bassat, unha das voces referentes no mundo da publicidade, fundador de Bassat Ogilvy recoñecido con máis de 400 premios, Toni Segarra, publicista e creativo cuxos eslóganes transcenderon á cultura popular, Andy Stalman, destacado conferenciante e un dos referentes mundiais en branding ou Inês Fonseca, Head of Marketing Southern Europe de Johnnie Walker e cantautora.
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, participou esta mañá na súa presentación desde as dependencias do Concello de Pontevedra, acompañado por Alberto Garnil, presidente do Clúster da Comunicación de Galiza; ademais do secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández.
O presidente do Clúster da Comunicación de Galiza, Alberto Garnil agradeceu a contribución e apoio das institucións á hora de poder levar a cabo o congreso, sinalando que «desde o seu inicio procurou destacar as voces máis importantes no ámbito estatal dentro do márketing e da comunicación dixital».
Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores declarou que estaba «orgulloso» de que esta cita siga tendo como sede Pontevedra, «un congreso que nos permite seguir sendo referentes nesta materia e que achegará até Pontevedra entre 500 e 600 persoas», e que deixará unha pegada notable na cidade.
«Nós estamos contentos e orgullosos, pois Flúor figura como outra cita relevante coa que nos presta colaborar e contar, e amplía ese camiño que estamos a facer á hora de atraer e convencer a congresos de altísimo nivel que se fan nesta cidade, como o Galicia Sportech, feiras de papelería internacional, iniciativas como Pont-Up Store, Etiqueta Negra, xunto con moitas outras citas que nos fan e farán referencia, coma o congreso As mulleres que opinan son perigosas, ou a fichaxe dos Premios Feroz pola cidade».