O Concello de Pontevedra advirte do perigoso que sería converter o centro histórico nun parque temático para a hostalería nocturna
Pontevedra, 18 de abril de 2024. O edil César Mosquera compareceu para ofrecer a posición do Concello de Pontevedra ao redor do Plan Especial de Protección, Reforma Interior e Conservación do Conxunto Histórico-Artístico (Peprica), que na actualidade rexe tanto intervencións privadas como públicas no centro histórico pontevedrés.
O concelleiro lembrou que este plan foi aprobado de xeito unánime pola corporación municipal no ano 2003, logo de sucederse dúas décadas, durante os anos 80 e 90, que ben puideron ser «a época negra do centro histórico», ao vivirse «unha situación absolutamente tremenda en todos os aspectos: inseguridade cidadá, as prazas e as rúas como almacéns de coches, problemas de convivencia coa movida nocturna...».
Mosquera realizou un repaso contextual daqueles primeiros anos da década dos dous mil, na que se realizaron ou puxeron en marcha unha serie de iniciativas para reverter a situación, sendo unha delas a redacción do actual Peprica —alén das modificacións puntuais que se lle puideron realizar cos anos—, cuxa redacción tardou varios anos “mesmo habendo vontade política de todas as forzas”.
César Mosquera: "A discusión que se está a dar e se levantamos as restricións para que se poidan instalar en todos os lados os establecementos de ocio nocturno ou non"
“Estivemos todos de acordo en evitar que o centro histórico de Pontevedra se convertese nun parque temático da hostalería nocturna”, lembrou. “Como consecuencia disto, e a través da aplicación dos instrumentos urbanísticos, temos os resultados de hoxe: un centro histórico que non ten nada que ver aquelo e que está infinitamente mellor do que estaba. Ten que mellorar? Obvio. Sempre hai marxe de mellora, mais todo o proceso tanto de xente que vai vivir aí, como de outros negocios que foron chegando, incluíndo hostalaría diurna, melloraron e deixaron de percibir esas molestias que anos atrás si tiñan. As queixas desapareceron e desde hai anos vemos e constatamos que estamos nun período de convivencia harmónica”.
O edil sinalou que esta tranquilidade foi a que propiciou a que algúns establecementos decidisen facer reformas nos locais, o que acabou por traerlles denuncias veciñais e con estas a perda da súa licenza.
“A cuestión é que o Peprica pode ser modificado, claro, pero aquí non discutimos sobre iso, aquí a cuestión é que a normativa de accesibilidade nos locais non depende do Concello, tampouco a normativa de incendios e tampouco o código técnico (insonorización e demais) tampouco depende do Concello; polo que dá igual que se modifique o Peprica nese sentido”, sentenciou o edil. “Aquí o que se está discutindo e se levantamos as restricións para que se poidan instalar en todos os lados os establecementos de ocio nocturno ou non. Iso é o que se discute: rebentar un criterio unánime que deu moi bos resultados na dinámica e futuro do centro histórico”.
Nese sentido, Mosquera cualificou esta última posibilidade como “un retroceso brutal”, que “permitiría facer deste espazo un parque temático da hostalería nocturna”. “Tamén é grave que algúns establecementos, en reunións con forzas políticas, non reclamen que se mude a norma e abran máis locais, senón que queren que se modifique a norma con nomes e apelidos: iso non é interese xeral nin é posíbel. Os que perderon a licenza incumprindo a norma e piden volver tela deben entender que non é posíbel”.
Doutra banda, o responsábel de infraestruturas indicou que as cuestións de disciplina urbanística non son obxecto do debate plenario.