Caldas prepara a Festa da Primavera coa máxima seguridade

Caldas prepara a Festa da Primavera coa máxima seguridade
Caldas de Reis, 5 de abril de 2024. A Festa da Primavera vai supoñer un alude de público para Caldas de Reis, milleiros de persoas tanto propia da vila como chegadas doutras localidades para gozar dende o 12 ao 15 de abril da potente programación coas mellores verbenas e DJs do país. Co fin de garantir a troula co máximo grao de seguridade que precisa un evento destas características o Concello de Caldas de Reis vén de contratar a redacción dun plan de autoprotección.

O tenente de alcalde Manuel Fariña sinala que o Concello, dende a Concellería de Cultura e Festas, pretende ter todo atado para que a celebración teña lugar coa máxima tranquilidade en todos os sentidos, tanto para as persoas participantes, para a veciñanza da contorna e para os grupos musicais e das atraccións. “Imos ter en Caldas ás mellores orquestras de Galiza, entre elas a Panorama e iso sabemos que ten un efecto chamada”, subliña, engandindo que van ser moitas horas de festa continuadas durante varios días no recinto da explanada da Tafona.

O nacionalistas apunta que, aínda que o plan só é obrigatorio para actos con máis de 20.000 asistentes en espazos ao aire libre, “nós como goberno queremos ser precavidos e, como chamamos a que todo o mundo se achegue a Caldas á festa, o plan é unha garantía”. Lembrou que ten por obxecto analizar riscos, previr posibles situacións de emerxencia e adiantar como debe realizarse calquera intervención.

Neste sentido, o plan determinará os medios persoais e materiais de protección necesarios (Policía Local, Bombeiros, Protección Civil, persoal municipal...) e funcións de cada grupo, todo coa finalidade de controlar desde o inicio calquera incidencia que se presente, dende as máis pequenas, como por exemplo o control do botellón ou a prevención e mediación en posibles desacordos ou enfrontamentos, ata incluso unha evacuación, organizando claramente espazos de entradas e saídas de emerxencia cunha planificación clara e ben sinalizada.

O documento, adxudicado á empresa PREVINEM e que unha vez redactado será entregado a todas as persoas implicadas na Festa da Primavera, deberá abordar de maneira detallada todas as cuestións relativas á seguridade. Estudaranse as condicións de solidez das estruturas dos palcos e de funcionamento das instalacións e atraccións; a prevención e protección de incendios e outros riscos inherentes á actividade, facilitando a accesibilidade dos medios de auxilio externo; as condicións de salubridade, hixiene e acústica, determinando expresamente as condicións para evitar no máximo posible mołestias a terceiros; a protección da contorna urbana e natural e do medio; así como as condicións de accesibilidade e a garantía real de poder gozar do espectáculo por calquera persoa con redución de mobilidade ou calquera outro tipo de problema e discapacidade.

Programa
A Festa da Primavera de Caldas incorpora este ano un día máis de música (o venres 12 de abril, desde as 19 h) grazas ao ‘Kalidas Primavera Fest’, que contará coa participación de DJs como Anthony Godfather, Groo- ve Amigos, Traffic House, Samu Pexe, Mr. J , Zoey Rey e Marcos Gramola.

A cita coa orquestra Panorama será o 13 de abril ás 22.30 horas, un dos primeiros bolos da nova xira do grupo galego baixo o título ‘IA Tour 2024’. Completará a oferta musical da xornada a discoteca móbil ‘La Gramola’.

No segundo día de verbena ( o domingo 14 a partir das 18.30h) será a quenda do ‘Grupo Alkar’, outra das agrupacións máis seguidas do panorama de orquestras galegas, que será relevada polo DJ Marcos Magán. Pechará a festa o día 15 o Día do Neno e da Nena, con descontos nas barracas e atraccións para a rapazada.

Caldas prepara a Festa da Primavera coa máxima seguridade