Pontevedra acolleu a reunión do partnership Greening Cities para rematar o Plan de Acción Verde que trasladará á Comisión Europea
Pontevedra, 5 de abril de 2024. O Pazo da Cultura acolleu a reunión do Partnership Greening Cities da Axenda Urbana da Comisión Europea, unha iniciativa que tiña como obxectivo impulsar as infraestruturas verdes e azuis nos contextos urbanos europeos, así como responder aos retos urbanos e ás necesidades das cidades de todos os tamaños, en relación coa preservación da biodiversidade e a adaptación ao cambio climático. Pontevedra é membro do Partnership Greening Cities impulsado pola Axenda Urbana da Comisión Europea.
Posto en marcha en 2023, está formado por máis de 30 entidades de ámbito nacional, autoridades locais, organizacións europeas e outro tipo de institucións de toda Europa. No marco do Partnership o Concello de Pontevedra é a única cidade do estado español que participa neste partenariado e está a xogar o papel de líder dun grupo de traballo dos catro actualmente existentes. O grupo ao que pertence Pontevedra está centrado no establecemento dun sistema de indicadores para o seguimento e avaliación dos Plans Locais de Infraestrutura verde, renaturalización e adaptación ao cambio climático das entidades locais.
O Partnership acordou na última reunión celebrada en Zagreb (Croacia) no mes de decembro de 2023, a celebración dunha xuntanza presencial de todas a persoas integrantes desta asociación en Pontevedra os días 4 e 5 de abril de 2024. O obxectivo deste encontro é chegar a un acordo sobre o Plan de Acción final do Partnership Greening Cities que se vai presentar á Comisión Europea nos próximos meses.
Os membros que participan na reunión de mañá proceden de distintos países que forman parte do grupo de traballo e están a elaborar un documento de Plan de Acción que se presentará á Comisión Europea nos próximos meses.