A Festa da Primavera da Parda enche o barrio de cinema, música, obradoiros e actividades infantís
Pontevedra 29 de abril de 2024. A edil de Promoción Económica, Anabel Gulías, presentou exunto con representantes da asociación de comerciantes e pequenos empresarios da Parda, a Festa de Primavera do barrio pontevedrés que se desenvolverá até o 4 de maio.
Trátase da segunda edición deste evento, consistente nun programa especial de propostas de diverso tipo, que inclúe cinema, música, animación de rúa, actividades infantís...
Gulías lembrou que o programa está en marcha desde o 20 de abril e permite «poñer en valor a vida de barrio», ofrecéndolle unha chea de oportunidades de lecer e socialización á veciñanza da Parda, ao tempo que se fomenta o consumo de proximidade e se visibilizan os negocios desta zona da cidade.
Todas as actividades programadas teñen unha entrada singular, «un ticket do comercio local».
O programa contempla a proxección da película Mavka. Guardiana del bosque no Centro Leste, o vindeiro 3 de maio, ás 20.00 horas. Tamén haberá obradoiros e charlas dos negocios do barrio o sábado 4 de maio, entre as 10.00 e as 14.00 horas, no Centro Leste; ao tempo que entre as 12.00 e as 14.00 horas hai xogos tradicionais familiares en Pintor Laxeiro.
O sábado 4 de maio, ao longo de toda tarde, haberá diversas atraccións infantís en Pintor Laxeiro como Photocall 360, obradoiros de graffiti e un porco mecánico. Tamén, no parque dos Soutos, haberá inchables e celebrarase unha scape room..