Pontevedra ofrécelle á Deputación todas as facilidades para avanzar na rehabilitación de Santa Clara

20-11-12-2020-11-12 09.39.12-santa clara
20-11-12-2020-11-12 09.39.12-santa clara
Pontevedra ofrécelle á Deputación todas as facilidades para avanzar na rehabilitación de Santa Clara
Pontevedra 29 de abril de 2024. O Concello de Pontevedra, da man do concelleiro e exvicepresidente provincial César Mosquera, garantiu á Deputación todas as facilidades para avanzar na rehabilitación do convento de Santa Clara. O nacionalista puxo sobre a mesa unha oferta formal de máis cartos municipais para actuar nas zonas públicas, terreos a disposición na zona norte da praza de Barcelos para facer unha entrada digna e accesible, total colaboración e rapidez coa licencia, e tamén unha posible prórroga do convenio de colaboración entre ambas institucións xa que “dificilmente” se vai cumprir o prazo inicial de catro anos para que as obras estean rematadas. 

Mosquera saíu da comisión de seguimento do convenio sensiblemente máis satisfeito que da última reunión co vicepresidente Rafael Domínguez. Entón o goberno provincial non quería seguir adiante co proxecto elixido polo xurado, e incluso falaba de descartar a opción de Nieto Sobejano que finalmente aceptou eliminando a parte arqueolóxica. “A Deputación tiña dúbidas. Agora parece que houbo un cambio e se desatrancou todo, e rectificar é de sabios, hai que recoñecelo. Antes a indefinición era absoluta e agora xa está asinado o contrato con Nieto Sobejano”, subliñou, lembrando –iso si- que ata que o PP tomou a decisión de seguir adiante “perdéronse meses”. 

A principal novidade do encontro foi que o Concello puxo sobre a mesa unha oferta formal para colaborar, ademais de coa cesión do conxunto do convento, tamén cunha achega económica de fondos municipais. Explicou Mosquera que tanto o presidente da Deputación na entrevista co alcalde do 14 de setembro do 2023, como despois cando se asinou o protocolo coa Xunta para achegar 6 millóns de euros, e en varias ocasións o vicepresidente Domínguez, invitaron ao goberno local a aumentar a súa participación económica, unha petición que non se contestara ata agora, dixo Mosquera, porque non se coñecían “exactamente” as posibilidades do Concello. 

“Analizada a situación, falada co alcalde e co concelleiro de Facenda, explicou o concelleiro, hai vía libre para achegar máis cartos”, sen concretar unha cifra. Recoñeceu que “o Concello non ten o músculo económico que ten a Deputación”, pero asegurou que será factible facer como xa se fixo con outras obras como o Hospital de Montecelo. Afirmou Mosquera que se trata dunha “demostración de vontade de que se darán todas as facilidades para actuar” e salientou que os cartos poderían destinarse á renovación da zona verde ou tamén para efectivizar a conexión con Barcelos, as zonas de uso público. 

Na reunión tamén se abordou a urxencia da licencia para as obras, que será necesaria unha vez o proxecto de Nieto Sobejano se entregue previsiblemente no mes de xuño. Por parte do Concello, apuntou Mosquera, pediuse que se fale cos técnicos municipais para que se vaia facendo o traballo de maneira eficaz e cos antecedentes necesarios, igual que se debe facer con Patrimonio “para evitar que chegue o proxecto e se lle atopen defectos que poidan ser corrixidos previamente”. Lembrou que con esta maneira de actuar, por exemplo, a licencia do Concello para reformar o Valle Inclán estivo lista en nove días cando tivo toda a documentación correcta. 

Doutra banda, Mosquera abordou os prazos do convenio, no que se marcara ano e medio para entregar o proxecto e un total de catro anos para ter as obras rematadas. Destacou que o prazo do proxecto remata en xuño e co atraso que houbo dificilmente será posible telo en tempo e forma, igual que a licitación e as obras, pero sinalou que por parte do Concello non se van poñer problemas abríndose a unha prórroga realista. 

A comisión de seguimento abordou tamén as entradas ao convento por Barcelos e a rúa Santa Clara. Mosquera confirmou a total dispoñibilidade para deixar que se actúe na zona verde e tamén na zona norte da praza, onde –dixo- “hai espazo suficiente ata o estacionamento para que se traballe nunha entrada digna e con accesibilidade, o grande problema que presenta o convento”. 

Con respecto ás posibles solucións técnicas para o acceso, o edil subliñou que a cuestión é complexa. Lembrou que había unha proposta que están a axustar porque tiña tres arcos na metade do muro e Patrimonio dixo que era excesivo. Plantexou como alternativa atractiva para manter o carácter de Santa Clara non tocar o muro e entrar de maneira soterrada para chegar ao interior e ter a sorpresa do que hai alí dentro, “que é como funcionou sempre, coma unha cousa enclaustrada”. Sen embargo, subliñou, “é tan complicado dotar iso de accesibilidade que hai que axustar”, polo que deixou na man dos técnicos dar coherencia á solución definitiva. 

Pontevedra ofrécelle á Deputación todas as facilidades para avanzar na rehabilitación de Santa Clara