SÁBADO 18 DE MAIO NO PEIRAO DE ARCADE

Soutomaior acollerá o 18 de maio a súa Iª "Gradiator Kid Race"

Soutomaior acollerá o 18 de maio a súa Iª "Gradiator Kid Race"

Soutomaior, 29 de abril de 2024. O concello de Soutomaior acollerá este vindeiro 18 de maio a súa primeira ‘Gladiator Kids Race’, unha modalidade de carreira de obstáculos para que os máis pequenos e pequenas do desfruten practicando deporte ao tempo que viven unha auténtica aventura. Soutomaior súmase así a outros concellos punteiros no Estado español nos que tamén se levará a cabo esta proba, como Ribadeo, Pontevedra ou Logroño. 

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, e a técnica deportiva municipal, Raquel Villaverde, presentaron o cartaz desta primeira edición da ‘Soutomaior Gladiator Kids Race’. O evento terá lugar o día 18 no Peirao de Arcade a partir das 16:30 horas. Poderá participar calquera menor que teña entre 3 e 11 anos, e deberá ir acompañado ou acompañada por unha persoa adulta durante o transcurso da proba deportiva. En total hai 250 prazas (sen contar as persoas adultas acompañantes) e as inscricións, que son totalmente gratuítas, xa están abertas na páxina gladiatorraceoficial.es. 

Manu Lourenzo: "Fomentar o exercicio físico entre as crianzas con actividades saudables é un dos nosos obxectivos"

Haberá dúas categorías: de 3 a 5 anos, cun percorrido de 500 metros; e de 6 a 11 anos, cun percorrido de 900 metros. Só as crianzas superarán os obstáculos, mentres que a persoa adulta acompañante encargarase de dar apoio. 

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que “é un orgullo para Soutomaior que un evento tan importante como a ‘Gladiator Kids Race’ vaia desenvolverse no noso concello. Xa éramos un referente no eido deportivo a nivel comarcal, e agora con este evento damos un paso máis alá e convertémonos nun expoñente do deporte ao nivel de cidades como Ribadeo, Pontevedra ou Logroño”. 

“Estou seguro que os pequenos e as pequenas que participen na ‘Soutomaior Gladiator Kids Race’ o pasarán xenial e desfrutarán dunha tarde incrible, nun espazo único como é o Peirao de Arcade e vivindo unha experiencia inesquecible ao tempo que fan deporte. Fomentar o exercicio físico entre as crianzas con actividades saudables é un dos nosos obxectivos”. 

Soutomaior acollerá o 18 de maio a súa Iª "Gradiator Kid Race"